O RIBEIRO

Castrelo de Miño tamén se apunta ó aforro enerxético

Investirá 50.000 euros en reformar a iluminación pública de 21 pobos  

O Concello de Castrelo de Miño aposta pola reforma da iluminación pública para aforrar consumo enerxético e con tal motivo procederá a renovar os cadros eléctricos existentes en 21 núcleos de poboación, cunha inversión total de 50.000 euros, estando subvencionado ó 80% pola Vicepresidencia da Xunta, con 40.000 euros, e os 10.000 restantes serán de aportación municipal .

A renovación dos cadros de conexión eléctrica van permitir un mellor control do gasto e unha optimización das luminarias que controla cada cadro. O consumo da iluminación pública no Concello de Castrelo de Miño supón o equivalente a máis das dúas terceiras partes do gasto eléctrico por todos os conceptos (edificios, instalacións deportivas, entre outros), sendo pois o consumo enerxético máis importante que se produce na entidade local.

O plan de aforro enerxético púxose en marcha no 2008 e dende aquela o consumo baixou nun 45%. O alcalde, Xurxo Rodríguez, lamenta que non se traduza nunha redución do recibo, "porque o impide a subida dun 40% no costo, pero se non fixéramos as reformas nestes sete anos pagaríamos o dobre". Aínda así, supón ás arcas municipais un desembolso anual de 120.000 euros.

As autoridades locais teñen en conta tamén un criterio que toma importancia relevante, que é a preservación do medioambiente e os recursos naturais. Ante tal situación estimou preciso racionalizar e optimizar o consumo enerxético da iluminación pública, para o cal se redactou un estudo que analizou as opcións máis apropiadas. En base a ese estudo xa se realizou a substitución dos antigos alumeados en zonas de 18 localidades.

Te puede interesar