POLÍTICA SOCIAL

O Concello de Xinzo anuncia axudas para apoiar a natalidade

<p></p>

Con estas tarxetas as familias reciben 100 euros mensuais durante 12 meses, un total de 1.200 euros

O Concello de Xinzo ven de anunciar a posta en marcha das "Tarxetas Benvida" para o ano 2017. Trátase dunha axuda convocada pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e que trata de axudar a aquelas familias que conten cun fillo nado ao longo deste ano. O papel dos servizos sociais do Concello consiste en asesorar e acompañar ás familias durante a tramitación das solicitudes.

Con estas tarxetas as familias reciben 100 euros mensuais durante 12 meses, un total de 1.200 euros que só se poderán gastar en "farmacias, parafarmacias, supermercados, tendas de alimentación e establecementos de puericultura ou especializados en artigos e produtos para a infancia", segundo contempla o programa. Ademáis, poderanse pedir durante os dous meses posteriores ao nacemento.

Antonia García, profesional dos servizos sociais do Concello, valora positivamente esta iniciativa e explica que supón unha gran axuda para as familias da vila. A empregada indica que o pasado ano 2016 foron 37 as solicitudes procesadas para obter as contribucións económicas. Trátase, xunto coa axuda á natalidade da Deputación de Ourense, que solicitaron 28 familias da vila no 2016, das únicas que reciben os pais e as nais de Xinzo, posto que o Concello non conta con ningunha partida específica para este fin.

Por outra banda, o Concello tamén anunciou a convocatoria da Xunta de axudas urxentes para familias en situación de vulnerabilidade que teñen problemas para facerlles fronte ás facturas de luz e gas. No 2016 foron 11 as familias da vila que recibiron estas axudas.

Te puede interesar