Concertos, ilustración e mercado, no festival ukelele

Ribadavia celebra o próximo sábado o festival de ukelele, Ukp Day, que terá lugar no castelo medieval. 

O festival ten como sinal de identidade a exclusividade dos seus concertos, xa que os artistas adaptan o seu repertorio ao ukelele, ou cavaquinho portugués.

A xornada arrancará ás 16,30 horas cunha actuación diante do castelo do grupo Tabernarios de Nelson Quinteiro. Ás 17,00 horas, as actividades dentro do castelo comezarán coa actuación infantil dos alumnos do CEIP Plurilingüe de Ribadavia, centro onde se imparten clases de ukelele dende fai un par de anos, exemplo do impacto do festival na vila. Ás 18,00 horas, o portugués André Júlio Turquesa será o encargado de abrir o programa de concertos, ao que lle seguirán Mallou e Francisco Nixon. A partir das 21,30 horas será o turno da británica Alondra Bentley e os galegos Helen & Shanna. E como broche final, á media noite, terá lugar unha sesión dj a cargo de Emilio José.

Tamén haberá obradoiros infantís, intervencións artísticas en directo de ilustración e graffiti ou un mercado creativo de deseñadoras. Así mesmo, o público contará con zona gastronómica.

O Concello de Ribadavia é o seu principal impulsor e promotor, contando tamén con Cervezas Alhambra, a Xunta, “Xuventude Crea”, Viña Costeira e Compostela Campers.

Te puede interesar