O primeiro premio é de 1.500 euros, e haberá dous accésits de 250

Un concurso de carteis divulgará a Feira do Viño

O público cata os viños nas casetas ubicadas na Alameda. (Foto: MARTIÑO PINAL)
O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro e o Concello de Ribadavia están inmersos nestes intres na organización da 50 edición da Feira do Viño do Ribeiro. Na última reunión mantida con tal motivo, acordouse recuperar o concurso de carteis que ilustrará este aniversario desta cita anual, declarada de interese turístico. A convocatoria pública suspendérase no 2009, optando pola adxudicación directa a un artista.
Para esta nova edición, valorouse a divulgación que conleva o desenvolvemento do certame, o feito de que non supón un gasto engadido, e que permite unha actividade a maiores na feira que é a exposición dos traballos que se presenten. A convocatoria do concurso está dirixida a creativos e artistas de calquera nacionalidade, que deberán presentar obras inéditas orientadas á exaltación do viño do Ribeiro.

O prazo para remitir os orixinais (formato físico ou dixital) remata o vindeiro 12 de marzo, estando previsto o fallo do xurado e presentación da obra gañadora para o día 22 de marzo. Concederase un premio de 1.500 euros ao cartel gañador, e de 250 euros a cada un dos dous accesits que outorgará o xurado. Este xurado estará composto por profesionais do mundo da arte e do deseño, estando ademais representados os organizadores: o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro e o Concello de Ribadavia. Todas as obras presentadas a concurso formarán parte dunha mostra que se inaugurará en Ribadavia coincidindo coas datas de celebración da feira.

A organización aspira a igualar a participación acadada na última convocatoria do 2009, á que optaron un total de 87 obras, procedentes de todo o territorio galego e doutras comunidades como Valencia, Madrid, Zaragoza, País Vasco, Andalucía ou Asturias.


ACTIVIDADES

Como en anteriores edicións da Feira do Viño do Ribeiro, o Consello Regulador promoverá unha serie de actividades paralelas. Deste xeito, estará a cargo da organización da Cata Popular, un dos principais atractivos da cita, onde todos os asistentes poderán degustar e premiar cos seus votos aos viños das adegas expositoras.

O Concello de Ribadavia, ademáis de encargarse da dotación da infraestructura, como é a instalación de carpas na Alameda, onde se expoñen as marcas de viños e se fan actividades encamiñadas a armonizar o viño con distintos productos gastronómicos, tamén prepara rutas turísticas e outras iniciativas complementarias.

Te puede interesar