Un día de rap, regueifa e graffiti en Ribadavia

photo_camera Home P.

A primeira edición de “Rapdavia” mestura cultura urbana e tradicional en Ribadavia

Coas participacións de Steven Russo e Home P en rap, Xanhe Rabelo en regueifa e Dashone, Dafer Planet e Diske Ou en graffiti, o domingo terá lugar en Ribadavia a primeira edición de “Rapdavia”, un encontro que “trata de buscar nexos de unión entre a regueifa galego-portuguesa e o rap urbano de influencia norteamericana”, segundo apunta o seu propio mentor, José Lameiras.

“A intención é, co tempo e a través de distintas edicións, lograr que Rapdavia sexa un obradoiro para buscar nexos de unión a través da palabra rimada na tradición popular”, completa quen é tamén responsable dos encontros culturais “Imos ter máis que palabras” e “Poesía EnRiba”.

Así, o público que asista a Rapdavia terá a posibilidade non só de escoitar música e apreciar as máis rifadas e apaixonantes regueifas senón tamén de presenciar a creación de graffitis en tempo real. Para unir rap e graffiti como dúas das expresións máis populares da arte urbana hoxe en día, con artistas ourensáns de recoñecemento nacional.

Un dos partícipes, Home P, fai un adianto do que será en particular a súa presenza: “A actuación do domingo será unha mostra dunha lista de cancións que aniñan distintos temas e rangos musicais que me gusta abarcar como artista. Todo englobado no xénero do rap e dende un punto de vista crítico co mundo, a sociedade e as súas crenzas”.

Home P.
Home P.

E tamén fai unha reflexión sobre a arte urbana ourensán. “A escena de arte urbana en Ourense, polo menos dende a miña propia experiencia, está, no presente, lonxe do que foi ou pode chegar a ser. Por distintos factores, as actividades, sobre todo no circuíto de batallas de rap, da cidade, baixaron en cantidade e número de participantes”, explica. “Ademais, por distintas dificultades administrativas, resulta complicado atoparse ou organizar eventos multidisciplinares no que ao hip hop se refire. Por suposto, este tipo de propostas poden servir como precedente para que, como existiu no seu día, volva haber un movemento unificado da arte urbana na cidade”.

A cita é mañá, domingo 3 de decembro, ás 12.30, na Alameda de Ribadavia.

Te puede interesar