Corresponde ó proxecto Rutas do Viño de Galicia e Norte de Portugal

O enoturismo xa conta coa primeira guía galega

O seminario desenvólvese no hotel San Clodio. (Foto: Eva Domínguez)
A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, e o director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Antonio Crespo Iglesias, inauguraron onte o Seminario Internacional 'Proxecto Rutas do Viño da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal' no Mosteiro de San Clodio, en Leiro, que rematará hoxe. Dende a posta en marcha do proxecto a comezos deste ano, que supón un investimento de 1,4 millóns de euros, o establecemento de estruturas de cooperación público-privadas posibilitou a adhesión a esta iniciativa de máis de 330 entidades e colectivos.
A secretaria xeral presentou a primeira edición da Guía de Enoturismo de Galicia, sinalando que 'nesta guía ofrécese información sobre un total de 187 establecementos diferentes, que quixeron formar parte deste primeiro paso na creación dun gran proxecto de enoturismo para Galicia'. Ademais, animou ás Denominacións de Orixe a realizar uns obradoiros de innovación para o sector vitivinícola. O obxetivo consiste en promocionar as seis rutas do viño de Galicia e a portuguesa dos Viños Verdes e ao longo desta primeira xornada, diversos especialistas foron analizando as perspectivas e futuro do enoturismo.

Te puede interesar