VITICULTURA

A Estación de Viticultura reduce a emisión de gases

<p></p>
photo_camera Ángeles Vázquez e Juan Casares durante a reunión que mantiveron onte.

O centro vén de inscribirse no Rexistro Nacional da Pegada de Carbono

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) vén de inscribirse coma organización no Rexistro Nacional da Pegada de Carbono da Oficina Española del Cambio Climático, un organismo dependente do Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación y Medio Ambiente. Trátase do primeiro centro enolóxico estatal que dá este paso, o que implica unha serie de compromisos co medio ambiente.

A pegada de carbono é un indicador medioambiental que expresa a cantidade de gases con efecto invernadoiro emitidos á atmosfera por mor da fabricación dun produto ou derivado do funcionamento dunha organización. Polo tanto, mostra a contribución ao problema do cambio climático a través das emisións derivadas dos procesos que desenvolve.

Neste contexto, a Evega ten proxectado desenvolver un plan de actuación ambiental baseado en dous piares. Dunha banda, o plan de redución das emisións de CO2 da estación para pasar ao seguinte nivel do rexistro nacional, que é o de pegada de carbono reducida. Este plan contempla a redución das emisións nun 3% en tres anos. Doutra banda, existe tamén un programa de restauración ecolóxica de certos puntos de interese na finca As Searas, onde se localiza a viña de catro hectáreas do centro.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reuniuse co director da Evega, Juan Casares, ao que lle agradeceu e felicitou tanto polo traballo diario que desenvolve o personal na Estación de Viticultura a favor do sector vitivinícola coma esta innovación en concreto coa que a Evega se transforma en pioneira.

Te puede interesar