A eurovisiva Lucía Pérez pechará a campaña dos comerciantes

Carpa de canxe de rifas, onte, na praza da Fonte da Prata. (Foto: MIGUEL ÁNGEL)
A capital do Ribeiro vivirá hoxe unha xornada de festa coincidindo co remate da campaña 'As compras na túa vila teñen premio', promovida pola Federación Galega de Comercio coa colaboración do colectivo Establecementos Asociados de Ribadavia, e que se desenvolveu dende o pasado día 15.
Dende ás 11,30 horas haberá pasarrúas de zancudos, malabares e actuacións de pallasos para os máis cativos, sempre co seu epicentro nunha carpa instalada na praza da Alameda ribadaviense polos organizadores.


ACTUACIÓN

Neste recinto, a partir das 18,30 horas, actuará a cantante Lucía Pérez, a luguesa recentemente seleccionada para representar a España no festival musical de Eurovisión. Unha vez rematada a actuación, procederase ó sorteo dun total de 3.000 euros en vales de compra entre os clientes dos locales comerciais de Ribadavia que recibiron algún dos 14.000 boletos que estaban previstos para a súa distribución.

Na entrega de premios participarán o presidente da Federación, José María Seijas, e o responsable en Ourense, Aurelio Gómez, así como a directora xeral de Comercio, Nava Castro. Tamén asistirán o alcalde do municipio, Marcos Blanco, e a presidenta do gremio de comerciantes, María José García.

Te puede interesar