Un filme documental reflexa as posturas sociais encol do parque ambiental de Carballeda

O cineasta carballiñés Pachi Baranda entrevistou a 30 galegos para coñecer a súa postura sobre o parque medioambiental de Carballeda de Avia. Así xurdiu ‘Alternativa Cero’, un documental no que tenta ‘radiografriar’ a polémica ó redor deste proxecto.
O proxecto de creación dun Parque Medioambiental en Carballeda de Avia, promovido en 2006 pola Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e adicado exclusivamente a empresas de reciclaxe de residuos industriais, suscitou unha inusitada controversia social na comarca do Ribeiro.

Interesado pola polémica, o cineasta carballiñes Pachi Baranda, autor de curtametraxes coma ‘Despertar En París (DEP)’ ou ‘Lentura’. decidiu iniciar no Nadal do 2007 e durante un ano a súa particular procura de opinións encol dunha obra pública que abarcará 800.000 metros cadrados do municipio de Carballeda. Así xurdiu ‘Alternativa Cero’, un filme documental ‘no que practicamente traballei eu só para conquerir 30 entrevistas, das que finalmente quedaron 26 para edición cinematográfica’, sinala Pachi Baranda.

O viño

Un percorrido dunha hora de duración no que aparecen na pantalla o alcalde de Carballeda, Luis Milia, e catro veciños deste municipio; os tamén rexedores de Leiro, Ribadavia e Cenlle, se ben este último -Manuel García en calidade de presidente da Cooperativa Vitivinícola do Ribeiro. É que na proposta de Baranda apúntase que ‘esta comarca é unha das máis fértiles de Galicia ó estar regada polos ríos Miño e Avia e atoparse rodeada de montañas, o que fai que goce dun microclima propicio para o cultivo da uva’.

Neste aspecto, no documental hai diferentes puntos de vista dende o Consello Regulador do Ribeiro, sindicatos, adegueiros e ecoloxistas. Tamén, por parte do colectivo ‘Temos dereito a saber’, contrario á implantación do parque industrial; expertos en residuos, médicos e saúde alimentaria. Pachi Baranda comenta que ‘o meu obxectivo foi facer unha radiografía do conflicto e do Ribeiro, plantexando a busca dunha resposta a partires das persoas que están a favor e en contra do proxecto medioambiental’. O cineasta engade, neste sentido, que o título ‘Alternativa Cero’ fai referencia ‘a unha cláusula que deben incluir os estudos de impacto ambiental e que explica o que acontecería se o proxecto non se levara a cabo’. O documental estréase hoxe ás sete da tarde no Instituto de Educación Secundaria de Ribadavia e con entrada totalmente libre.

Te puede interesar