Acios xa maduros, carrozas, charangas, artesanía, xantar, música e fútbol compuxeron onte unha completa xornada en Leiro, que celebrou a súa 'Festa da Vendima', cun forte calor e para disfrute de centos de visitantes.

Leiro recrea a vendima na rúa

Os nenos acudiron preparados a festa. (Foto: XESÚS FARIÑAS)
Osol que quentou onte en todo O Ribeiro augura unha boa maduración das uvas, e un exemplo delo foron os acios do concurso que acolleu Leiro co gallo da súa vixesimo terceira da 'Festa da Vendima'. Adriana Pérez e Adán Salgado gañaron por partida dobre en uvas tintas e brancas, ó presentar uns bagos das variedades mencía, treixadura e loureiro na mostra realizada na praza do Cruceiro.
Alí tamén se deron cita, na rúa Gabino Bugallal da localidade, centos de persoas para o paso das 20 carrozas que participaron iste ano no certame, non sen antes escoitar o pregón da secretaria xeral de Sanidade e Consumo do Estado, Pilar Farjas, quen foi de reivindicar o traballo compartido e solidario dos vitivinicultores como garantía 'para construir futuro'. Estivo acompañada polo alcalde, Francisco Xosé Fernández, o conselleiro de Educación e Cultura, Xesús Vázquez, e o subdelegado do Goberno, Roberto Castro, entre outras autoridades.

O xurado do desfile decidiu descalificar un total de catro carrozas, e finalmente otorgou os primeiros premios a 'Carrexa para a adega', de 1.000 euros, na categoría de adultos, e a 'O traballo da vendima', en infantil, dotado con 400 euros. A organización tamén entregou 100 euros a María Pérez Lorenzo polos adornos do seu balcón, e a mesma cantidade ós establecementos Confitería Violeta e Bar Camba polos seus escaparates.


ESCOLMA

Tres charangas e o grupo de gaiteiros de Leiro foron os encargados de amenizar a xornada, que os visitantes aproveitaron para coñecer a paisaxe das ribeiras do río Avia e, de paso, face-las súas compras no mercado artesanal ubicado no paseo fluvial, que acadou a súa décima edición. Entre as casetas, destacaba a presencia do Instituto Ourensán de Desenvolvemento (Inorde), que co seu xerente Xosé Manuel Rodríguez á fronte, presentaba unha escolma das castes de uvas autóctonas máis representativas da Denominación de Orixe Ribeiro.

E se ben o Concello de Leiro optou por aforrar e suprimir o convite oficial (en anos anteriores, medio milleiro de persoas), un cento de invitados, entre autoridades, representantes institucionais e das parroquias do municipio, e medios de comunicación tiveron a oportunidade de reunirse nun xantar de confraternidade, no marco natural de O Salgueiral. Empanada, pulpo, carne ó caldeiro, viño, postres caseiros e café serviron para repoñer forzas para acudir ó partido de fútbol que disputaron, ás sete da tarde, os clubes de Leiro e Barbantes.

Na mesma paraxe natural, os rapaces tamén se divertiron con xogos populares, como a chave, elementos inchables e unha refrescante festa da espuma. Xa entrada a noite, a igrexa parroquial de San Pedro de Leiro acolleu o festival polifónico da 'Festa da Vendima', coas actuacións das corais Fonte do Souto, da localidade coruñesa de Culleredo, e a anfitriona, Val do Avia. Un equipo de Protección Civil velou en todo momento pola seguridade dos asistentes, incluso á hora de cruzar a vella ponte colgante, que comunica as dúas orillas do cauce do Avia.

Te puede interesar