Presentación en Castrelo da revista “Nós, a Xente do Redor”

A portada é unha homenaxe ao colectivo organizador e á xente traballadora do Ribeiro

O Concello de Castrelo de Miño acolle o próximo 30 de outubro a presentación do número 8 da revista “Nós, a Xente do Redor”. Desta vez a portada é obra do pintor Miguel Ángel Martínez Coello, en palabras do propio pintor, “unha homenaxe ao traballo colectivo, que representa tanto esta revista coma as xentes traballadoras do Ribeiro, que loitan a reo para sacar adiante os mellores viños”.

Os actos celebraranse no salón de actos da Casa Consistorial, coa presencia do alcalde, Avelino Pazos; o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Juan Manuel Casares Gándara; o director do Museo Casa do Patrón, Manuel Blanco Villar; así como representantes da Ruta Do Viño do Ribeiro, da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia.

Os organizadores, Orixe Publicidade e Comunicación e o colectivo Nós, a Xente do Redor, poñen a disposición do público un autobús que sairá dende a sede de Orixe ás 11,00 horas.

Nesta ocasión, medio cento de colaboradores, autores e amigos do colectivo Nós, a Xente do Redor, compartirán xornada coas xentes deste concello e con outros persoeiros chegados de distintos puntos de Galicia.

Ao remate haberá un xantar de confraternidade na Parrillada O Rincón, e xa pola tarde, visita á Igrexa de Santa María de Castrelo de Miño, para rematar cunha visita ao Museo do Viño de Galicia.

Te puede interesar