O programa ‘Espazos Sonoros’ achega ós ribadavienses un circo musical na Madalena

A Consellería de Cultura, coa colaboración do Concello de Ribadavia, organiza a segunda edición de ‘Espazos Sonoros’, que voltan a achegar a música clásica, contemporánea e experimental a lugares do patrimonio cultural galego, coma é neste caso a Igrexa da Madalena. Así, a compañía ‘Le Petit Cirque’ actuará mañá, mércores, ás 12.00 horas para os escolares, mentres ás 20.00 horas haberá unha función aberta orientada ó público en xeral, que se repetirá ó xoves ó mediodía.
O concelleiro de Cultura de Ribadavia, Anxo Collarte, sinala que ‘se trata dun ciclo orixinal no panorama cultural galego, unha oportunidade para achegarse a novas experiencias artísticas no ámbito musical e no que participan agrupacións senlleiras a nivel galego e internacional’.

A instrumentación de ‘Le Petit Cirque’ parte integramente de obxectos feitos a man e reutilizados, ‘e o son vai buscar as súas fontes nos datos escénicos, nun xeito de circo sonoro no que a acción enriquece o son e o son altera a acción’, apuntan os organizadores.

Estilos Por outra banda, en ‘Espazos Sonoros’ ten cabida un amplo abano de propostas nas que se dilúen as barreiras entre diferentes estilos musicais: música vocal, antiga e de cámara, música para órgano, jazz, canción de autor, folk, música contemporánea, electrónica e incluso danza. A Igrexa da Madalena voltará a acoller os días 23 e 30 de maio actuacións deste programa. Concretamente, ás de ‘U-lo Trío’ e ‘2us(Dous)’, respectivamente, ás oito e media do serán.

Te puede interesar