POLÍTICA LOCAL

O PSOE reclámalle ao PP a limpeza das levadas de Prexigueiro e Francelos

O PP afirma que están pendentes dunha decisión administrativa do Concello

O alcalde de Ribadavia, o socialista Ignacio Gómez, reclámalle ao portavoz do PP, César Fernández, que cumpla co compromiso que adquiriu no 2014 cos veciños de Prexigueiro de que se acondicionarían as levadas. Asegura o rexidor, que posteriormente o PP presentou unha moción e que "nós propuxemos a mesma intervención en Francelos, e aprobouse por unanimidade".

Ignacio Gómez sinala que o Concello tamén fixo as xestións posteriores á aprobación da moción ante a Deputación e fai dous anos plantexou a petición nun pleno provincial, recibindo por resposta "que o ían a facer e que o ían a estudar".

Ignacio Gómez manifesta a súa indignación porque "a Deputación di agora que ou se fai a través dun convenio por non ser de titularidade municipal, xa que é dos veciños, ou que o poden facer as brigadas pero que o Concello ten que pagar os materiais". Por ese motivo, engade o alcalde que "é unha tomadura de pelo despois de que o PP se ofrecese a facer os traballos, e despois de dous anos aínda veñen agora con que non é de titularidade municipal".

O portavoz do PP, César Fernández, declarou que a limpeza das levadas está pendente de que o Concello de Ribadavia decida a fórmula administrativa para levar a cabo a execución dos traballos e consiga as autorizacións para actuar sobre uns servizos e unhas infraestruturas que non son de titularidade municipal. Indica tamén o concelleiro que o informe remitido pola Deputación sinala que o importe dos traballos ascendería a 38.995 euros.

Te puede interesar