Vinte persoas seguirán o proceso da vendima nunha adega do Ribeiro

Ribadavia acolle un día do festival Espazos Sonoros

O festival de música e patrimonio Espazos Sonoros celebrarase en Ribadavia o próximo 14 de setembro. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convida a coñecer a cultura vitivinícola no marco deste festival que desenvolverá a súa edición de 2013 entre o 8 de setembro e o 27 de outubro en Galicia.
No Ribeiro está prevista unha xornada para afondar na cultura vitivinícola da comarca. Comezará ás 12,45 horas na adega Pazo Casanova da Denominación de Orixe Ribeiro, para participar activamente no proceso da vendima, dende a colleita da uva na viña ás primeiras operacións desde que chega á adega.

A partir das 14,30 horas realizarase un xantar 'entre cepas', nunha fermosa paraxe do Ribeiro, por cortesía desta denominación. A actividade rematará cunha visita guiada, ás 17,00 horas, polo barrio xudeu de Ribadavia, capital histórica do Ribeiro desde 1992.

Para participar na actividade, dirixida a un máximo de 20 persoas, cómpre inscribirse no enderezo electrónico [email protected]. O prazo de inscrición permanecerá aberto dende hoxe ata o próximo día 11 de setembro.

Logo da actividade, o guitarrista Marcos Teira ofrecerá un concerto aberto a todo o público, que terá lugar, ás 20,00 horas, no Museo Etnolóxico de Ribadavia. A actuación será unha oportunidade única para afondar na música flamenca da man dun dos máis sólidos intérpretes galegos.

Te puede interesar