ENTROIDO

Os ribadavienses poden aportar ideas ó Entroido

A vila organiza dous desfiles para esta festa, na que os nenos terán un protagonismo relevante

A Concellería de Cultura de Ribadavia convoca para mañá a unha reunión a tódolos veciños e colectivos que queiran aportar ideas para a celebración do Entroido. O encontro está previsto para as 20,30 horas, na Casa da Cultura. A concelleira responsable deste departamento municipal, María Pérez, fai este chamamento a cidadanía, considerando que "o entroido é unha festa do pobo e para o pobo, polo que propoñemos sumar entre todos e intentar mellorar". 

A programación deste ano comezará o xoves, 23 de febreiro, coa actuación da Comparsa do Conservatorio e a Escola Municipal de Música de Ribadavia polas rúas da vila, a partir das 16,00 horas. Xa pola noite, ás 22,00 horas, celebrarase o Xoves de Comadres, no Club Artístico de Ribadavia.

O venres estará adicado aos máis pequenos, co desfile, ás 10,30 horas, da Comparsa nenos e nenas da Gardería; e ás 12,30 horas, da Comparsa nenos e nenas do C.P.I Tomás de Lemos.

O domingo será un dos días fortes do Entroido de Ribadavia, xa que terá lugar o primeiro dos dous desfiles de charangas e comparsas, no que participan grupos non só do municipio senon tamén de concellos próximos. Será ás 17,00 horas, desde a explanada do I.E.S. O Ribeiro ata a Praza Maior, cun percorrido polas principais rúas da vila.

O luns, serán de novo os nenos os protagonistas, cun baile infantil no Club Artístico, a partir das 16,30 horas. O martes volverá a repetirse o desfile de charangas  e comparsas desde o Instituto ata a Praza Maior, ás 17,00 horas; e xa para o mércores celebrarase o tradicional Enterro da Sardiña con saída de San Francisco, ás 20,00 horas. 

Te puede interesar