O RIBEIRO

Ribeiro en Común critica a falta de políticas de emprego

O portavoz, Brais Fidalgo, refírese a un municipio e comarca que "viu nesta etapa pechar fabricas, incluso de incidencia provincial, que daban emprego a ducias de familias"

O grupo municipal Ribeiro en Común de Ribadavia critica a actitude do goberno local socialista e do Partido Popular, considerando que fan públicas "noticias falsas e manipuladas, vendendo feitos moi alonxados da realidade ribadaviense". Nese sentido, o portavoz, Brais Fidalgo, refírese a un municipio e comarca que "viu nesta etapa pechar fabricas, incluso de incidencia provincial, que daban emprego a ducias de familias, e existindo un problema real e grave de carencia de emprego que socialmente é evidente, hai partidos que continúan pretendendo vender falsas perspectivas, en lugar de impulsar políticas de emprego duradeiras no tempo".

Ribeiro en Común asegura que o goberno municipal "nada fixo en catro anos sobre materia de emprego nin de promoción do polígono e aínda menos para resolver a falta de solo industrial e a ampliación da fase tercera de dito polígono", e engade que "tampouco foi capaz de levar ningún plan de emprego tal e como se aprobara nos orzamentos do 2017 por iniciativa de Ribeiro en Común". Insiste en que "é moi grave que o goberno local anuncie a ampliación de empresas privadas que non terán a repercusión anunciada".

En relación ao PP sinala que nin como grupo municipal nin tampouco na Xunta "tivo ningunha actividade para resolver ou mellorar a situación do emprego e do polígono".

Te puede interesar