ORZAMENTOS

Ribeiro en Común presenta emendas aos orzamentos

Incide na fase tres do polígono industrial, na vivenda pública e na mellora dos servizos sociais

Ribeiro en Común centra nos postos de traballo, vivenda e servizos sociais as súas emendas para Ribadavia aos orzamentos da Xunta de Galicia, e reclama investimentos no polígono empresarial, en vivenda pública e para mellorar a asistencia social. Este grupo municipal tivo un encontro no Concello de Ribadavia cunha delegación do grupo parlamentario Común da Esquerda, no que presentou as principais liñas de mellora para Ribadavia que serán introducidas como emendas parciais nos orzamentos 2020 que se debaterán no Parlamento de Galicia.

En canto ao polígono industrial, pide a liberación de parcelas que están sen construír e desenvolvemento da fase tres. Tamén reclama unha reforma do actual centro saúde e a creación dun centro de día.

Por outra banda pide investimento para a reforma das vivendas propiedade do concello no casco histórico para a súa oferta pública en réxime de alugueiro; e unha partida a cargo de Augas de Galicia para o sistema de saneamento e subministro de auga pública nos núcleos das Chabolas, A Groba e Sanín, así como na parroquia de Santo André de Camporredondo e no Concello de Ribadavia, ademais do sistema de saneamento e subministro de auga pública nas beirarrúas de San Cristovo.

Outra enmenda ten que ver co arranxo e rehabilitación da ponte medieval da Veronza e a limpeza, arranxo e mellora da Ponte de San Francisco.

Te puede interesar