As numerosas actividades lograron aumentar de 4.664 turistas en 2011 a 5.614 no pasado ano

A Ruta do Viño medra en establecementos e visitantes

Un grupo de visitantes durante unha das actividades organizadas pola Ruta do Viño do Ribeiro.
A Ruta do Viño do Ribeiro está a consolidar a súa presenza na oferta enoturística española como resultado do esforzo dos socios e de apostar pola mellora continua de cara a ofrecer un servizo de calidade e diferenciador.
Actualmente conta cun total de 49 establecementos: 18 adegas, 12 aloxamentos, tres bares, un comercio especializado, unha axencia de viaxes, catro establecementos de ocio temático, unha oficina de turismo, oito restaurantes e un establecemento de tratamentos de viñoterapia. Este ano 2013 se sumaron como novos socios unha adega e un restaurante, e están en proceso de adhesión, unha oficina de turismo, unha guía turística, unha adega e un aloxamento.

O aumento de establecementos que se apuntan a esta iniciativa foi paulatino ata estar próximo a superar o medio cento, e tendo en conta que a ruta obtivo a certificación por parte de Acevin (Asociación Española de Ciudades del Vino) no 2008, cando apenas alcanzaba os 30 negocios. Eso ocurre pese a que a xunta directiva da Asociación Ruta do Viño do Ribeiro acordou primar a calidade dos establecementos adheridos fronte á cantidade. 'É importante traballar na mellora do produto antes que ampliar o número de establecementos', sinala a técnica do Concello de Ribadavia, do que depende a ruta, Sonia Couso.

Deste xeito, a oferta de calidade tradúcese nun importante incremento de visitantes do Ribeiro que fan as súas reservas a través da Ruta do Viño, pasando dos 4.664 no 2011 ós 5.614 durante o pasado ano, e seguendo en aumento no 2013, pendente aínda de contabilizar.

A asociación asinou un convenio de colaboración coa Sociedade de imaxe e promoción turística de Galicia (Turgalicia) o pasado 20 de maio e dende aquela foron varias as actividades desenvoltas para atraer turistas ó Ribeiro. Destacan as xornadas de portas abertas das adegas, celebradas durante o mes de xuño; tamén durante os meses de verán se organizaron visitas nos fins de semana e actividades enogastronómicas e culturais en outubro tras un convenio coa Axencia de Turismo de Galicia, o programa Tempo de Vendima e a celebración do Día Europeo do Turismo o pasado 10 de novembro, entroutras iniciativas.

Te puede interesar