Os socialistas queren saber onde se ubicará a incineradora

O deputado provincial Ignacio Gómez censura 'a falta de transparencia e a mala fe da Xunta sobre a futura ubicación dunha planta incineradora de lixo na provincia'. O socialista considera que 'a falta de precisión sobre o concello que acollerá a instalación débese a que o Partido Popular sabe perfectamente que a incineración non é unha boa política medioambiental, e ten medo de perder votos alí onde anuncien que adxudicarán a incineradora'.
Gómez advirte tamén do 'oscurantismo' ao aprobar a instalación dentro do concurso eólico, e manifestou a preocupación dos socialistas pola forma de actuar do Goberno galego e incluso as súas dúbidas sobre a legalidade do proceso.

'Sobre a moral do mesmo non temos dúbida ningunha, xa que a Xunta intentou meter pola porta de atrás unha instalación que ningún alcalde nin ningún veciño quere no seu concello, e se temos en conta a proximidade dos comicios municipais xa sabemos por que Feijóo non é claro', afirma. Por último, lembra que 'os socialistas durante o goberno sempre foron claros porque non tiñan nada que esconder'.

Te puede interesar