A formación en novas tecnoloxías é a que ten unha maior demanda

Os talleres de Carballeda chegan a uns 400 veciños

Algúns dos participantes nos talleres do Concello. (Foto: X.R.)
A posta en marcha dun programa de actividades formativas e lúdicas por parte do Concello de Carballeda de Avia no pasado mes de outubro está a ter unha importante acollida por parte dos veciños do municipio. Dende os cursiños de inglés para rapaces de ata 12 anos ata os cursos de iniciación e perfeccionamento de internet, aerobic e ioga abertos a tódalas idades, baixo o lema 'Se queres, podes'.
O alcalde, Luis Milia, destaca a sección 'As nosas cousas na rede', 'que ten coma obxectivo que os rapaces aprendar a facer os seus blogs e colgar fotos das paisaxes do municipio ou das actividades no colexio'. Ademais, unha psicóloga utiliza un programa informático para que as persoas maiores exerciten a súa memoria, 'e o máis curioso é que hai veciños e veciñas de 70 e 80 e case 90 anos que participan activamente', subliña o rexedor. Tamén se iniciou un taller para o manexo do carné electrónico, de xeito que os alumnos logo poidan realizar xestións dende a súa propia casa.

Luis Milia apunta que 'as actividades lévanse a cabo en horario de mañá, tarde e noite nos nove centros sociais abertos nas parroquias de Carballeda, e están a asistir unhas 400 persoas'. O alcalde engade que, 'deste xeito, a xente do rural non se refuxia nas casas nestes meses de frío, co que se conquire un marco de convivencia entre veciños de diferentes núcleos de poboación'.

Te puede interesar