O RIBEIRO

A viticultura ecolóxica desperta interés en Castrelo

<p></p>
photo_camera Participantes nas Xornadas de formación de viticultura ecolóxica, onte en Castrelo de Miño.

As xornadas de formación inclúen unha mostra internacional de viños da biodiversidade

Máis de 60 alumnos participan nas Xornadas de formación de viticultura ecolóxica e biodinámica, que comezaron onte no Auditorio do Concello de Castrelo de Miño e que se prolongarán en horario de mañá e tarde no día de hoxe. Os participantes proceden de diversos puntos de Galicia, Portugal e da Rioja Alavesa e moitos deles hospédanse estes días no albergue municipal do Parque Náutico.

Os docentes das xornadas son André Rodrigues Henriques da Silva e Pablo Ortigueira Sánchez, que abordan temas relativos ós factores de calidade; distintos manexos con elementos mecánicos e animales; biofertilizantes; micorrizas e sobre o manexo de pragas e enfermidades na produción ecolóxica, entre outros.

Como complemento das xornadas formativas, para mañá está prevista a I Mostra Internacional de Viños da Biodiversidade, no Parque Náutico de Castrelo. Alí teñen cita máis de 26 adegas galegas, españolas e portuguesas, que darán a coñecer os seus viños. O público poderá probar as distintas marcas pagando cinco euros, e en horario de 11,00 a 14,00 horas e de 16,00 a 20,00 horas.

A feira persigue ser tamén un punto de encontro de viticultores, adegueiros e profesionais da vitivinicultura para o intercambio de experiencias e traballos.

A actividade está organizada polo Concello de Castrelo de Miño e o Sindicato Labrego Galego, que sinalan que é "a primeira feira que se celebra en Galicia de viticultura ecolóxica e biodinámica".

Te puede interesar