O RIBEIRO

A Xunta aporta 1,7 millóns ás denominacións vitícolas

Medio Rural anuncia un incremento das axudas de un 12% no ano 2016 

Os consellos reguladores das cinco denominacións de orixe de viños de Galicia recibirán da Consellería do Medio Rural en 2015 un total de 1,7 millóns de euros en concepto de axudas para a promoción da calidade agroalimentaria. Estes fondos destínanse a financiar os gastos de funcionamento dos referidos consellos reguladores, as actividades de promoción que levan a cabo tanto no ámbito nacional como internacional e os programas de control da calidade agroalimentaria.

A conselleira Ángeles Vázquez mantivo onte uhna reunión cunha representación das denominacións de orixe vitivinícolas da Comunidade, entre elas a do Ribeiro, e que serviu tamén para reforzar as liñas de colaboración entre a Administración autonómica e as D.O. en materia de ordenación, fomento e promoción dos viños galegos, segundo valorou a conselleira.

A titular de Medio Rural, que estivo acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, salientou que o seu departamento vai incrementar en 2016 nun 12% os orzamentos dedicados a apoiar o traballo dos consellos reguladores de todas as denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas galegas. Así, nas contas do departamento destínanse un total de 3,4 millóns de euros a este fin, fronte aos 3,04 millóns de 2015.

Destas partidas, a que maior incremento rexistra nos orzamentos de 2016 da Consellería de Medio Rural é a referida ás axudas aos programas de control, que medra un 50%. Os fondos para promoción aumentan un 10% e a achega para gastos de funcionamento sube un 5,66%.

PRODUCCIÓN

A conselleira do Medio Rural salientou tamén durante a reunión os datos económicos das cinco denominacións de orixe de viño de Galicia (Ribeiro, Valdeorras, Ribeira Sacra, Rías Baixas e Monterrei). Así, sinalou que xeraron en 2014 un valor económico estimado en 153,8 millóns de euros, cunha produción de viño cualificado que acadou os 34,9 millóns de litros.

Ademais, Ángeles Vázquez sinalou que estas D.O. agrupan a un total de 16.371 viticultores e 448 industrias e que a superficie de viñedo amparada acada en conxunto as 9.559 hectáreas.

Te puede interesar