ENTREVISTA

Simone Saibene, "pelerinaxe" hacia el buen cine

Portada y venia Vida a Simone Saibine
26-10-16
photo_camera Simone Saibene

Simone Saibene presenta "Pelerinaxes", no marco do Festival de Cine Internacional de Ourense.

Simone Saibene chegou a nosa cidade coa licenciatura en Ciencias da Comunicación realizada en Milán e cunha traxectoria marcada pola realización de diferentes curtas, así como o seu traballo como programador na Fundación San Fedele e colaboracións con diferentes medios e institucións. A elo sumarlle a súa faceta como músico, de feito, en Italia gravou un Cd en galego titulado "Ruada dos Biosbardos" e segue a compoñer cancións co grupo Os Forasteiros. Agora estrea "Pelerinaxes" no marco do Festival de Cine Internacional de Ourense. 

“Pelerinaxes" é o título do seu último traballo basado no libro “Pelerinaxes I" de Otero Pedrayo Que o levou a elexilo?

Efectivamente. A película está basada no libro "Pelerinaxes I" de Otero Pedrayo no que se conta unha viaxe do mesmo escritor con Vicente Risco e Ben Cho Shey a San Andrés de Teixido. O motivo? Sempre hai unha curiosidade que che move hacia un determinado tema. Neste caso, cando empecei ler "Pelerinaxes I" vín que podían xuntarse varias das miñas paixons: o cine on the road, a literatura de viaxe e, por suposto o meu amor pola cultura galega. Ademáis no 2006 gravei unha mediometraxe en Teixido titulada “Regreso a San Andrés”, e Ourense, o punto de partida do camiño, é a miña cidade de adopción. Todos esos factores, incluída a oportunidade de gravar outra película de exteriores, animáronme a traballar nel. 

Aínda que esa é a base, o que se atopará o espectador será diferente...

Intentei actualizar o camiño, lexos de realizar unha homeaxe estéril ao libro e aos tres pais da cultura galega. Escribín distintas versións do guión. E, ao final, a ficción entrou no documental. Foi unha decisión importante que me permitiu ampliar o punto de vista e, por exemplo, contar argumentos complexos e situacións, dunha forma, quizáis, menos convencional. Cada entrevistado aporta os seus coñecementos e dunha forma moi natural. Todo está entrelazado coa historia, cos pasos da protagonista... 

Que verá o espectador en “Pelerinaxes"?

O espectador poderá percorrer cos ollos ese camiño pouco andado, atoparse con horizontes e paisaxes distintos que forman parte do mesmo país e cunha historia de amor e amizade a mediados entre a ficción e documental, e máis sorpresas... E acabo aquí porque non quero facer demasiado spoiler!


“Pelerinaxes" é tamén un modo de amosar unha ruta descoñecida para moitos, o Camiño de Ourense ata San Andrés. Desvélenos como foi a rodaxe?

Para comenzar, o traballo previo á gravación foi bastante longo. Durante case tres anos fixen ese camiño en tramos, cunha cámara de fotos e unha libreta, a pé, só ou con amigos, explorando cada posible rincón, fixando os encadres, lendo libros, consultando planos, o mapa de Fontán e Google Maps, falando con persoas que poderían aportar algo interesante... Por último, ca última versión do guión na man e as localizacións escollidas, voltei a andar polo mesmo camiño con Jairo Iglesias, o director de fotografía para elaborar o plan de rodaxe en función da luz, como xa fixemos en "9 ondas". A gravación durou en total nove días, foi intensa, pero todo estaba ben planificado, éramos un equipo pequeño pero moi profesional. As entrevistas graváronse máis adiante en varias localizacións de Ourense. 

En “Pelerinaxes" cambia as tres figuras masculinas por unha muller como protagonista.

Nesa liña de actualización do traxecto me parecía importante que por primeira vez fose unha muller a facer o camiño. Creo que o persoaxe de Luzía (a actriz Carmen Méndez) axuda a darnos unha visión nova, sen dúbida diferente sobre esta viaxe. 

Na música, Ourense tamén ten unha fonda pegada con Daniel Minimalia, MCarballo, Sonoro Maxín...

O son dunha película para min é fundamental. Esta vez quixera que tamén a música fose "on the road". Así que pedín aos compositores que me gustan que actuasen como músicos de rúa e todos o fixeron estupendamente. Moitos son ouresáns, pero tamén participan Ruxe-Ruxe, que decidiron readaptar o seu clásico "Non temos medo" en versión country para "Pelerinaxes". Algo que me fixo especial ilusión. 

Como está sendo a acollida? 

A acollida está sendo boa. O filme abriu o Cultura Aberta de Lugo a principios de xullo. Fixemos un pase para os veciños de Santo André de Teixido que resultou moi emotiva. E no verán viaxou a dous certames franceses, no Festival de Cornouaille e no Festival Interceltique de Lorient. Hai un grupo de senderistas franceses que xa se apuntaron para facer o camiño de Ourense a Teixido o próximo ano... Agora, a parte das proxeccións e da presentación no OUFF, estamos facendo unha xira á Lumière con proxeccións nos dez concellos da provincia de Lugo onde pasa o camiño. Nos próximos meses seguiremos on the road na provincia de A Coruña, ademáis hai que promover o libro-dvd, e intentaremos ir a máis festivais e a todos os lugares onde hai interés en proxectar o filme. Toda a info podese atopar no facebook da produtora Noveolas. Así que... estade atentos! 

Te puede interesar