Laura Carballo: "En 2027 farán falta máis de dous millóns de perfís de xestor internacional"

Laura Carballo, decana de Relacións Internacionais.
photo_camera Laura Carballo, decana de Relacións Internacionais.

Laura Carballo Piñeiro é catedrática de Dereito Internacional Privado e será a decana comisaria da Facultade de Relacións Internacionais de Ourense, unha das novas apostas da UVigo para o próximo curso. Cando na universidade aínda se xestaba a posibilidade de incorporar un grao tan atractivo como o de Relacións Internacionais, contactaron con Carballo como experta. Daquelas exercía de catedrática na Fundación Nippon para el Derecho y la Política del Trabajo Marítimo, na World Maritime University das Nacións Unidas. Antes fora profesora da UVigo, a onde volveu en decembro de 2021. As Lagoas aspira a formar xestores de negocios internacionais nun mundo cada vez máis globalizado no que ata unha pequena bodega da Ribeira Sacra precisa dun perfil profesional coma este para medrar. Serán só 22 os que se especialicen nesta primeira promoción do grao, que será interuniversitario (compartido) co Campus de Ferrol.

Como dá o paso de poñerse ao frente deste novo título?

Son catedrática de Dereito Internacional Privado e estou bastante próxima ao tema das relacións internacionais. Polo meu traballo na Wold Maritime University, ademais de ter estatus diplomático, unha parte importante do noso traballo son as relacións internacionais con gobernos, institucións non gubernamentais… Cun entorno moi localizado que son os mariñeiros, pero permitiume ter unha visión interesante de como é o mundo das relacións internacionais. Moitos gobernos se achegaban a nós pedindo axuda. É un mundo interconectado, global e as comunidades máis pequenas necesitan deste saber, de relacionarse internacionalmente, de saber como acceder a proxectos e fondos internacionais.

Como pode ter Ourense un papel protagonista nas relacións internacionais?

Ourense xa o ten, pero é necesario construír esas sinerxias que che axudan a mellorar os investimentos de carácter local. Ourense está moi ben posicionado porque en organismos internacionais tanto gubernamentais como hipergubernamentais hai ourensáns. Hai moita xente de Ourense que xa se adica a isto e atopou esta saída profesional. Estamos recibindo contactos e chamadas de consultores internacionais que comentan que lles parece unha iniciativa preciosa e estarían encantados de colaborar.

Nos inicios do título falouse de formar xestores de negocios transfonteirizos pola posición de Ourense. Será así?

Si. O plan de estudos é moi atractivo porque participan moitas áreas de coñecemento. Historia, Socioloxía, Antropoloxía, Filosofía… ata áreas como a Economía e o Dereito, a Ciencia Política e a Administración.  Os dous primeiros anos van ser comúns co Campus de Ferrol, a partir do terceiro entraría a especialización. Nós optamos por un perfil profesional que consiste na xestión de proxectos e negocios internacionais e está relacionado cunha certificación internacional. Cada día se necesitan máis xestores que necesitan manexar negocios internacionais. Antes era un área dentro das multinacionais e agora ata a unha pequena empresa lle pode interesar. A calquera viñedo da Ribeira Sacra lle pode interesar ter a alguén experto en manexo de proxectos internacionais. Para 2027 farán falta máis de dous millóns de novos profesionais que sexan capaces de manexar negocios internacionais. É unha das temáticas con maior demanda.

Fala do viño. Que outros sectores ourensáns son proclives a necesitar un perfil así?

Os concellos, pero tamén ás pequenas e medianas empresas pódelles resultar extremadamente interesante este tipo de profesional.

Axudarían a xestionar fondos como os Next Generation?

Si. Moitas veces as pemes perden oportunidades porque non saben, non coñecen este tipo de oportunidades.

Son 22 prazas e é un título novo. Que expectativas de demanda agardan?

Recibimos moitas preguntas. Hai moito interese. Desde o punto de vista xeográfico é unha titulación que en España non leva tantos anos. En Ourense imos ser os únicos no noroeste peninsular en ofrecela. Ademais, pola curva demográfica, as universidades empezan a ter menos alumnos. Caen alumnos na rama social, pero noutras universidades con este grao pasa ao revés. A curva é ascendente: Relacións Internacionais ten das notas máis altas de todas as Ciencias Sociais. É un bo indicador. Na nosa contra xoga que non sabiamos se se podía implantar ata hai un mes, cando recibimos o informe favorable. Pero consultas recibimos en Ourense, Vigo, na Xunta… Ademais será trilingüe: a metade en inglés e o resto en galego e castelán.

Te puede interesar