TRIBUNAIS

Absolto un home por un delito de suplantación de identidade na Rede

Sergii L. foi procesado por un delito de 'pishing', como presunto responsable do roubo dos datos da conta bancaria dunha veciña da Merca.

O home xulgado a semana pasada na Audiencia de Ourense por suposto branqueo de capitais a través do sistema coñecido como `phishing`, Sergii L., de orixe ucraniano, foi absolvido do delito que se imputaba.

O `phishing` é un delito informático que consiste na suplantación da identidade da vítima coa intención de conseguir información confidencial ou datos sobre as súas contas bancarias e, deste modo, obter diñeiro.

Os feitos xulgados tiveron lugar o 4 de febreiro de 2015, cando a denunciante Rosa Ana S., veciña da Merca, entrou a través de internet no seu número de conta do Banco Sabadell e recibiu unha mensaxe no que se lle informaba de que recibira unha transferencia por importe de 5.450 euros e que tería a súa conta bloqueada ata que procedese á devolución deste diñeiro.

Aínda que a muller se puxo en contacto co seu banco e este lle sinalou que non aparecía esa transferencia, procedeu á devolución da cantidade recibida. Ao día seguinte, cando volveu consultar os seus datos bancarios por internet comprobou que lle faltaban eses 5.450 euros. Ao chamar o banco informárono de que non realizara unha devolución, senón unha transferencia.

A denunciante transferira o diñeiro a unha conta da Caixa Laboral Popular de Zaragoza, a nome do acusado, que xa o retirara.

"VÍTIMA" OU "MULA"

"Recoñézoo, pero non o fixen eu", sinalou Sergii L. nun xuízo no que, aínda que recoñeceu que a súa conta fora empregada para ingresar 5.450 euros, insistiu en declararse como unha "vítima de todo isto".

Durante a súa declaración ante a xuíz, afirmou que pensaba que o diñeiro era un ingreso dun compatriota chamado Alex e do que non puido precisar máis datos á marxe de que o coñecera nun bar ao que acudían cidadáns rusos e ucraínos.

Segundo o acusado, esta persoa solicitáralle información da súa conta na Caixa Laboral para ingresar diñeiro e comprar un coche en España coa intención de revendelo no seu país. O motivo para pedirlle esta información, asegurou, fora para non ter que pagar as comisións de Western Unión.

Por esta axuda prometeulle pagarlle 200 euros. A Sergii L. esta solicitude "non lle pareceu rara". Non obstante, os axentes da Policía encargados da investigación sinalaron o acusado como o "macho" (a persoa que recibe o ingreso) dun caso de `phishing` e que, como tal, era "consciente de que este diñeiro non tiña unha orixe lícita".

A defensa pediu a "libre absolución" do acusado e remarcou que "o verdadeiro artífice do delito de estafa informática" foi o compatriota do seu defendido, toda vez que este "cría" que o diñeiro "procedía dun actividade lícita".

ABSOLUCIÓN

Na súa sentenza absolutoria, a Audiencia esgrime que a esencia do tipo para corroborar a existencia dun delito de branqueo de capitais é que haxa "finalidade de ocultar ou encubrir a orixe ilícita" do diñeiro e que, dita premisa, "non" se pode entender "debidamente acreditada" na actuación do acusado.

Ao respecto, sinala que o acusado admite o uso da súa conta bancaria e engade que "non existen elementos de xuízo suficientes dos que poida inferirse o coñecemento por parte daquel desta última circunstancia".

"Debe terse en consideración que nos achamos ante unha operación illada, efectuada na propia conta corrente do acusado, facilitada por el mesmo a un compatriota, segundo veu sostendo el mesmo dende a súa primeira manifestación, que se estima verosímil, non resultando tampouco determinante aos efectos mencionados que percibise por tal operación unha cantidade de diñeiro", resolveu.
 
 

Te puede interesar