ARTE ET ALIA

Os achados arqueolóxicos son símbolos dunha terra

Pormenor da exposición_result
photo_camera Pormenor da exposición

Entramos á exposición que ben de inaugurar o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. A sala de Abanca, está nun luscofusco buscado dende a entrada iluminada e a luz do soportal exterior. Aquí, todo está disposto para conseguir que refulxan as pezas, con luces dirixidas cara as esculturas e as vitrinas coas pezas de cerámica e ourivería. Este efecto expresivo potencia a atención do visitante e reduce a súa dispersión para que a contemplación sexa, en cada caso, memorable. Eis un recurso de proxenie teatral que podemos denominar ‘estilo museo’, xa que logo é un sistema museográfico o que se está a exhibir, o que nos fai loar o discurso dos bos profesionais que alí traballan e que un ano máis, logo de ‘Alicerces. Evolución urbana de Ourense do século XVI ao XX’, 2015/2016, amosan a súa excelencia. Desta volta a coordinación personifícase en Xulio Rodríguez, o director do Mº, e Avelino Rodríguez, da UVigo, sendo a iluminación de Arteficción.

Dende finais do século XIX ata os anos 70 do pasado século é o marco temporal que abrangue ou, o que é o mesmo, dende Marcelo Macías, presbítero e caldeirádego de Retórica e Poética, morto en 1941 case con cen anos, pasando por Arturo Vázquez Nuñez (+1907), e o enxeñeiro de camiños Díez Sanjurjo, quen estivo en Ourense ata 1910, pioneiros todos. Con Xesús Ferro Couselo (+1975), arquiveiro de Facenda, nace o Arquivo Histórico provincial en 1943, sendo director do Museo cando por estes mesmos anos deixa de ser Pazo do Bispo. Laureano Prieto (+1977), mestre, e Xesús Taboada Chivite (+1976), técnico de telégrafos e licenciado en filosofía e letras, Rubén García (+1980), médico en Ribadavia, Francisco Conde-Valvís (+1985), Manuel Chamoso Lamas (+1985), Xoaquín Lorenzo (+1989) e a sobranceira figura de Florentino L. Cuevillas (+1958), funcionario de Facenda, o pai da arqueoloxía científica en Galicia. De todos hai información relevante nas paredes, acompañada de fotos, algunha delas, como a deste último con Risco en Castromao. Todo para contextualizar as pezas. Así a Ara de Calpurnia Abana, achada preto das Burgas, ou a Tabula Hospitalis de Castromao, ámbalas dúas do século II d.C., ámbalas dúas símbolos para Ourense e Celanova, respectivamente. Así tamén o torso de guerreiro do castro de Armeá (Sta. Mariña de Augas Santas) ou a arracada de Vilar de Santos, peza de ouro, que pasou ó Museo en 1979, cando rematabamos a carreira, e Bieito Pérez Outeiriño, compañeiro nos primeiros anos, estaba a estudala, investigación que viu a luz como o primeiro dos Anexos do Boletín Auriense.

Entramos na procura do pasado en calquera exposición, mais aínda nesta do Arqueolóxico pois o seu discurso pedagóxico interpélanos para que as xeracións presentes coñezan as orixes da nosa terra ourensá, e sintan un orgullo de seu. A mostra, que se completa co proxecto didáctico dirixido os alumni colgado na net, achéganos os ourensáns a labor arqueolóxica e a súa importancia como símbolo identitario dunha colectividade. E se a próxima mostra, a dos achados dos coetáneos, fose de novo nas instalacións do Museo? Quede aquí como desexo de Aninovo.

Te puede interesar