Concello, Deputación e Asociación Nós ultiman o convenio que o regula

Un acordo lanza á cidade para Capital da Cultura

O artellamento da candidatura de Ourense para optar a Capital Europea da Cultura no ano 2020 materializarase neste mes de xullo nun documento que firmarán a asociación Pro Centenario de Nós 2020 -que liderará o proxecto como altavoz da cidadanía e representante da mesma-, a Deputación Provincial e o Concello de Ourense. As tres partes acordaron elaborar un texto que incorpore principios e obxectivos, pero malia estar finalizado paralizouse a súa sinatura xa que os servizos xurídicos do Concello de Ourense quixeron facer observacións e atópanse nestes intres, 'traballando no documento', segundo confirmaron fontes municipais.
Pola súa banda, o presidente da asociación Pro Centenario Nós 2020, Camilo Fernández, asegurou que 'este texto é o único xeito de arrancar coa candidatura'. Asemade, confía en que esa sinatura chegue canto antes porque 'queremos elevar unha proposta de declaración, algo moi simbólico, ao Parlamento de Galicia antes do Día da Patria'. Fernández tamén fixo un chamamento á cidadanía para que reforce estas accións e aclarou que 'quen queira participar de xeito individual non tería que integrar a asociación'.

O paso seguinte tras a firma deste compromiso entre as dúas institucións e o colectivo, algo imprescindible para axustarse á normativa que establece a Unión Europea, pasa por crear unha comisión ourensá para, posteriormente, formar a comisión galega.

Unha das novidades é que a candidatura se denominará 'Ourense é a Rede-Nós de cidades literarias de Galicia', posto que a idea é integrar neste proxecto ás cidades nas que se publicou a revista -A Coruña, Santiago, Pontevedra e Ourense- así como a Lugo, Ferrol e Vigo, pola súa significación no ambiente galeguista dos anos 20. Ademáis, o web nos2020.eu ofrecerá todos os avances que se vaian producindo.

Te puede interesar