Emergencias

Acordo para pechar o mapa de emerxencias de Ourense

Manuel Baltar, presidente da Diputación, asina o acordo coa Xunta e a Fegamp.
photo_camera Manuel Baltar, presidente da Diputación, asina o acordo coa Xunta e a Fegamp.
Manuel Baltar firma unha ampliación ao convenio para promover o desenvolvemento dos GES

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, asinou onte no Centro Gaiás de Santiago co vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, o conselleiro de Medio Rural, José González, e o presidente da Fegamp, Alberto Varela, unha addenda ao convenio de colaboración para o desenvolvemento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES) na provincia, "o que supón pechar o mapa provincial de emerxencias, en cooperación coa Xunta", afirma Manuel Baltar. 

Unha colaboración que o presidente do goberno provincial vén desenvolvendo e facendo explícito cada ano cando comparece no Parlamento de Galicia para presentar os orzamentos, "dentro dos cales aprobaremos este mes unha modificación que inclúe unha importante cooperación coa Xunta no ámbito de apoio á hostalaría ou o bono turístico", citou como exemplo. 

Baltar destaca que a súa participación no acto de onte en Santiago "significa un paso máis na boa dirección para seguir afondando na alianza entre o goberno da provincia de Ourense e o autonómico, neste caso, dándolle tamén a benvida a dous novos GES, o da Veiga e o de Maceda". 

O documento abrangue un acordo en materia de emerxencias e prevención e defensa contra incendios forestais, para o desenvolvemento dos GES. Na addenda recóllense diferentes aspectos relativos ao financiamento e unha modificación dos seus ámbitos de actuación e as súas sedes e subsedes, para optimizar a atención á poboación e reducir os tempos de resposta. 

Tamén se recolle a mellora da eficiencia na atención das emerxencias, no relativo á posibilidade de que o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 poida mobilizar ao GES máis próximo ao lugar do incidente. Ao aumentar o número de ámbitos de actuación, aínda que a cantidade total destinada á prevención de incendios forestais non varía, si o fai a cantidade asignada a cada GES en materia de prevención. 

En canto á contribución ao seu financiamento, a Deputación de Ourense é de todas as de Galicia a que maior orzamento destina, con 1.062.666 euros. Cada GES contará cunha estrutura profesionalizada e de carácter permanente, que dará cobertura a toda a zona de actuación do grupo. 

No caso de que algún dos GES non fose constituído ou quedara vacante, os restantes GES deberán atender a zona de actuación vacante a petición do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112, que empregará coma criterio de mobilización a minimización do tempo de resposta. 

Te puede interesar