A Mostra de Ribadavia non cobrou a subvención de 2012 e a Miteu ten no aire o apoio institucional

Agadic mantén o bloqueo ás axudas culturais, di o sector

Roberto Pascual dirixe a Mostra. (Foto: MARTIÑO PINAL)
O sector teatral ourensán agarda a que o recén nomeado director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, comece a reunirse cos representantes do sector para establecer as liñas de colaboración futuras das artes escénicas, un encontro que xa ten solicitado a maior parte da cultura galega. Sutil foi nomeado o pasado día 7, cinco meses despois das eleccións autonómicas, para un cargo no que sucedeu ó ourensán Juan Carlos Fernández Fasero. Porén, aínda non comezou a poñer en práctica o 'diálogo permanente' do que falou na súa toma de posesión. Alomenos así o din os responsabeis culturais.
En calquera caso, o seu pasado profesional ligado ó sector empresarial da construcción, non foi ben recibido polos representantes teatrais. A directora de Sarabela, Ánxeles Cuña, amósase 'sorprendida' polo nomeamento dun home do que 'o único que sabemos é que traballou nunha constructora'. Cuña entende que 'son tempos duros para tódolos sectores', pero considera que o cultural 'é moi importante', tamén porque xera postos de traballo.

Tampouco o director da Mostra de Teatro de Ribadavia e presidente da asociación de festivais Afearte, Roberto Pascual, ve 'lóxico' que, 'nun momento tan complicado para o sector, nomeen a unha persoa que non está vinculada a el'. Ó igual que acontece con outros certames e compañías, Agadic ten pagos pendentes con Ribadavia relativos á axuda do ano pasado. 'Concedérannos 50.000 euros que xa xustificamos pero aínda non nos ingresaron', explica Pascual.

Pola contra, os certames que dirixe Fernando Dacosta, como son a Moti e a Miteu, non acumulan débedas, pero si incertidume. A 18 edición da Mostra de Teatro Universitario celebrarase ó longo do mes de abril, pero aínda non teñen claro se contarán coa axuda institucional. 'Pechamos a programación tratando de cumprir os parámetros habituais e contando con que teremos esa aportación', conta Dacosta. Por outra banda, o certame infantil non sofre retrasos porque 'no último ano xa non tivemos colaboración directa, só a través da Rede Galega de Teatros'.

O que si tarda en chegar é a convocatoria de axudas, que Cultura comprometera para o mes de febreiro e que segue sen publicarse, de xeito que non poden participar nelas os festivais máis temperáns.

Te puede interesar