Alfredo García: "Hai alcaldes que só coñezo pola foto. Dende as municipais, non nos reunimos"

El candidato a la secretaría xeral del PSdeG-PSOE en Ourense protagonizó la entrevista del día en Telemiño

Alfredo García, alcalde de O Barco, asegura que non tiña en mente presentarse como candidato á secretaría provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, pero o feito de que moitos compañeiros do partido o chamasen pedíndollo animouno a dar o paso. Competirá co actual secretario xeral do PSOE provincial de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, nas Primarias que se celebran o día 23.

Por que cre que llo pediron os compañeiros do partido?

Estouno vendo estes días cando vou polas agrupacións. A xente está desmotivada, desmoralizada, falan de que non tiñan ningún tipo de reunión, de que a dirección provincial cando había algún problema non aparecía por alí… É dicir, os problemas non se resolvían, aí están e esa mesma percepción era a que tiña eu, que o partido como tal, na provincia non existía.

Non había dirección?

Non había unha dirección que ordenara, que coordinara, que animara, que se reunira coa xente e que falara cos militantes, algo que debería ser o normal. Non estaba sucedendo así. Iso é o que estou percibindo. Estou contento, é difícil porque eu saín a xogar cando xa perdiamos 2-0, pero creo que estamos recuperando. A xente está moi receptiva, van aos actos que estamos organizando e para nós iso era fundamental. Eu dicíalle a todos o mesmo: “O único que temos que conseguir é que vaian aos actos para que lles poida falar con sinceridade, sen omitir nada, sen escapar incluso dos compañeiros que protestan por calquera cousa”. Eu quero o diálogo directo cos militantes.

E cre que se está conseguindo ese diálogo directo?

Creo que o estamos conseguindo, estou satisfeito co que estamos recollendo e recibindo por parte dos compañeiros.

Que lles ofrece?

Ofrézolles unha cousa que custa moi pouco, traballo. É o mesmo que lles ofrecín aos meus veciños a primeira vez que me presentei ás eleccións municipais pero traballo de traballar porque nesta provincia o concepto de ofrecer traballo normalmente vai por outra banda. Ofrézolles adicación, estou comprometéndome con todos a que antes de que acabe o ano, probablemente antes do verán, irei a todas as agrupacións a sentarme con eles, en sillas exactamente iguais, iso é o que quero. 

Que compromisos adquire coas agrupacións?

Ccmprométome a que haberá reunións comarcais, o resto de cargos orgánicos que ten este partido teñen que ir coñecer a problemática dos compañeiros en cada unha das comarcas, estou a falar dos deputados provinciais, dos senadores, dos deputados en Madrid… Todos temos que estar ao servizo do partido e dos compañeiros e onde haxa un problema hai que ir tentar resolvelo. 

 Como plantexa facelo?

O meu ofrecemento é empoderar á militancia, que se sintan importantes, que se sintan membros deste partido, que contan, que non son soamente ese compañeiro ao que cando hai eleccións lle pedimos que vaia traballar. Para que vaia traballar ten que estar contento, ten que sentirse importante.

Está aí a clave desa división interna da que adolece o partido desde hai décadas?

Está claro, totalmente, porque non se fala, non falamos. Desde o día das eleccións municipais, os alcaldes non nos volvimos reunir nunca, eu hai alcaldes e alcaldesas que non coñezo máis que pola foto. Non nos convocaron nunca a unha reunión e non é que os alcaldes sexamos máis importantes pero se non nos chaman ás reunións aos alcaldes, que vai ser dos militantes de base? quen se acorda deles? Esa é a pregunta e cando falamos desto nos actos a xente responde e vese que é precisamente deso do que está necesitada.

Cal é a súa relación co outro candidato?

Eu teño boa relación con todo o mundo, levo 22 anos en política e home, algún callo sempre pisas pero son un home de consenso. Creo que é un dos grandes problemas que ten a política neste país, non solamente no PSOE. Vexo que non estamos a consensuar solucións para os problemas reais que teñen os cidadáns porque nós desde o primeiro momento no que nos metemos en política o noso primeiro obxectivo ten que ser dar solucións a eses problemas. Non pode ser imposible que non sexamos quen de consensuar nada, de atopar algunha solución que nos sirva a todos, é cuestión de saber ceder. Hai que ceder, senón non hai consenso. O problema é que hai poucas maiorías absolutas e polo tanto cando hai un problema enquístase e non se resolve. Eu onde estiven sempre houbo consenso, no Concello do Barco, na FEGAMP, en todas partes.

Esa falla de capacidade para o consenso pode ser o que levou ao PSOE a non ser quen de sacar adiante unha moción de censura no Concello de Ourense?

Os compañeiros de Ourense son os que coñecen a fondo ese tema. Eu coñecereino o día seguinte se saio elexido secretario provincial, terei que facer unha inmersión total e absoluta nos problemas deste concello. De momento o que teño claro é que os veciños de Ourense non se merecen o que lles está a pasar nin na lexislatura pasada nin nesta. Hai que darlles solucións e creo que a solución no Concello de Ourense pasa polo PSOE pero se temos claro a que imos e lles presentamos unha lista de confianza. Temos unha débeda profunda coa veciñanza de Ourense, todos.

 

Se sae elexido secretario dos socialistas, tenderalle a man ao outro candidato?

O tema non é Alfredo ou Villarino, eu son soamente un peón neste taboleiro de xadrez. A algún compañeiro téñenlle dito que eu só quero pór un broche de ouro na miña carreira política. Para nada. Dígollo a todos, eu non son o futuro do partido, non estou xogando o meu futuro, estou xogando o futuro do partido. Son conceptos moi diferentes. Eu non veño aquí a mandar, a dirixir. Se os compañeiros me dan a súa confianza, veño a ter un equipo de homes e mulleres preparados, fundamentalmente novos, e darlles xogo para que sexan eles os que encabecen proxectos ilusionantes para eles e a cidadanía. Vou ser unha parte importante dese proxecto de futuro polo que estamos traballando. Somos poucos e as veces mal avenidos pero en calquera caso, por ser poucos, todos temos cabida neste partido.

Te puede interesar