O alumnado do IES Vilamarín fórmase sobre licores galegos

O alumnado do IES Vilamarín que participou na charla sobre augardentes e licores.
photo_camera O alumnado do IES Vilamarín que participou na charla sobre augardentes e licores.
Os 25 participantes fixeron unha cata de oito augardentes das diferentes indicacións xeográficas

O Consello Regulador dos Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, continuando co seu programa de formación a futuros profesionais do sector hostaleiro, desenvolveu unha sesión didáctica no IES de Vilamarín a un total de 25 alumnos dos ciclos medio e superior de servizos de restauración no día de onte para que se familiaricen e coñezan máis en profundidade as bebidas alcólicas tradicionais de Galicia.

A actividade foi dirixida pola vogal do Consello Regulador e enóloga, Sonia Otero, que a dividiu nunha parte teórica e outra práctica. Na primeira, centrouse en explicar as principais funcións do organismo, así como as características distintivas dos augardentes e Licores Tradicionais de Galicia e as 4 Indicacións Xeográficas que os amparan (I. G. Bagazo de Galicia, I. G. Augardente de Herbas de Galicia, I. G. Licor de Herbas de Galicia e I. G. Licor Café de Galicia).

Augardentes

Na parte práctica, o alumnado puido degustar 8 diferentes destilados. Foron 4 augardentes de Bagazo monovarietais, que degustaron a través da cata de Augardente de Galicia Envellecida, Augardente de Herbas de Galicia, Licor de Herbas de Galicia e Licor Café de Galicia. Unha vez máis, o destilado máis popular entre os mozos foi o Licor Café de Galicia. Do mesmo xeito que nos anteriores produtos amparados, a súa calidade reside no coidado da materia prima e, neste caso, do tipo de café utilizado no proceso de elaboración. “Só se permite o uso de café de toste natural”, concretou Sonia Otero. Como é habitual -segundo explican dende o consello-, o destilado máis descoñecido foi o Augardente de Galicia Envellecido, que é o Augardente de Bagazo que permaneceu en barrica de madeira durante polo menos un ano.

Durante a sesión, incidiuse na importancia de coñecer o produto e “buscar as  contraetiquetas das Indicacións Xeográficas dos Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, xa que son as únicas que certifican que estes destilados son 100% galegos”, explicou Otero. Por último, falouse da importancia de entender o produto para elaborar unha boa carta con destilados nos locais de restauración e hostelaría, para poder recomendar mellor ao cliente sen esquecer as posibilidades que ofrecen os Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia  maridados con sobremesas así como a súa importancia no mundo da  coctelería. 

Te puede interesar