Un proxecto financiado polo Estado permite recuperar a historia dunha localidade de Cáceres

Alumnos do Campus gardan a memoria de pobos abandoados

Unha das rúas de Granadilla, co castelo ao fondo (Foto: F.J. GARCÍA NÚÑEZ)
A historia de Granadilla é a dun pobo como tantos hai en Galicia. A chegada da luz eléctrica tiña previsto inundar esta localidade, situada na provincia de Cáceres.
A construcción do encoro produciuse, pero non chegou a cubrir as casas da pequena Granada (que así se chamaba ata o reinado dos Reis Católicos). O que si conseguíu foi botar de alí ós veciños, que se trasladaron a pobos próximos. A historia de Granadilla é, pois, a dun pobo abandonado que en 1984 entrou nun programa de recuperación posto en marcha polo Goberno central xunto a Búbal (Huesca) e Umbralejo (Guadalajara).
Hai uns días, 27 anos despois do inicio dese proxecto, o Ministerio de Educación aprobaba a solicitude dos alumnos de terceiro curso de Educación Social do Campus de Ourense para estudar a zona de Granadilla. Farano durante os primeiros días do mes de marzo cun proxecto no que a comunicación oral cos máis maiores da zona é o fío conductor da recuperación da memoria popular. O guión básico do rescate das lembranzas foi elaborado por un grupo de alumnos e coordinado polo profesor da Facultade de Educación Xosé Manuel Cid. Nun par de meses terán ocasión de poñer en práctica as ideas coas que irán. Para o docente é 'moi importante' que os estudantes aprendan a 'valorar a cultura tradicional e o estilo de vida rural' porque 'sabendo ler a realidade, pódese afondar nela'. O xérmolo desta aprendizaxe de campo é que 'o pasado debe terse moi en conta para construír o futuro'.

Lodoselo, o exemplo local
Hoxe en día, Granadilla é máis un reclamo turístico e educativo que unha aldea tradicional. Os veciños non volveron ás súas casas, pero os esforzos camiñan agora no sentido de pór en valor a cultura popular ó tempo que se transmite. Ourense, dende hai dúas décadas, conta cun exemplo semellante. No concello de Sarreaus, o grupo de desenvolvemento rural O Viso, traballa no pobo-escola de Lodoselo. Alí, máis dun milleiro de grandes e pequenos achéganse durante o ano para coñecer a vida no campo. Con todo, o colectivo traballa máis alá dunha parte didáctica que só lles dá satisfaccións ofrecéndolle asistencia e coidados ós maiores da zona.

Te puede interesar