Arte et Alia

Ana Iglesias e Miguel Robledo, relatos en mi maior

De Miguel Robledo, Trecenzonio, en Galicia, un relato do mundo.
photo_camera De Miguel Robledo, Trecenzonio, en Galicia, un relato do mundo.

Mergullarse nas obras que ten feito Miguel Robledo (Miguel Anxo Fernández Robledo, Ourense, 1970) nos últimos cinco anos, é a proposta que colgou das paredes nos baixos da Fundación Vicente Risco de Allariz. Son os debuxos deste ilustrador e deseñador creativo, que comezou coa Banda Deseñada (BD), creacións duns mundos nos que a fantasía cobra vida nunhas narracións en débeda coa súa imaxinación e destreza ao servizo dela. Dende as capas dos libros da colección de poesía da Eurisaces Editora coordinada por Javier González Lamelas, desafortunadamente falecido. Dela hai unha mostra na exposición, na que se ve a tumba do panadeiro liberto Marcus Virgilius, sita preto da Porta Maggiore en Roma...; e outros como O camiño do lume de María Oruña, e O camiño de Nós, cos textos de Xavier Pardo en A Nosa Terra, 1926, ou traballos na revista Luzes. “Constelación Maruja que muta noutras”, con texto de Estíbaliz Espinosa para a exposición “Galicia Futura: todo o que imos ser” na Cidade da Cultura, Compostela, 2021-2022. Un elenco-marco que nos sitúa ante un artista que segue a ilustrar capas de BD en A viñeta de Schrödinger.

Ultimamente tense centrado na ilustración de libros. Así Heidi, de Johanna Spyri, 2021, situando Miguel á famosa nena dos Alpes suízos diante dun somier que limita, ao xeito galego un espazo, aceno á reciclaxe. No caso de “Frankenstein ou o moderno Prometeo” de Mary Shelley, 2020, presenta unha imaxe tamén insólita co monstro a contraluz en áxil escalada por unha parede que bebe do libro orixinal e non do cine. E “Unha noite no tren da Vía Láctea”, de Kenji Miyazawa, traducido ao galego por Gabriel Álvarez, obra duns evocadores relatos de comezos do pasado século deste pequeno Príncipe. Lémbranos nalgunha das imaxes ás de Hayao Miyazaki, o gran director da Viaxe de Chihiro e da Princesa Mononoke. Mad Kira/Akira Emperator, e a escura de Wired Ciy, mais con luces e puntos de cor que lle dan profundidade dabondo, unha das características de Robledo, quen gusta dos horizontes e da “luz de corte”, título da mostra. As imaxes da lenda do monxe Trezenzonio, que aparece nunha fonte do século XI que une a lenda de Breogán coa de Hércules, difusión antiga do fulcral mito da Coruña e Galicia, encargo para “Galicia, un relato no mundo” 2019-2020, coordinada no Gaiás por Manuel Gago para o Xacobeo 2021. O Allariz Ilustrado, II e III, e un inédito de Little women, coas súas icónicas cinco mulleres.

Retratos ilustrados no liceo

Difícil a empresa de Ana Iglesias no canto de expoñer os seus coidados retratos de estudo, con atrezo e minuciosa post produción, no sobreclaustro liceístico. O céntrico do sobranceiro espazo entre as numerosas portas arredor do patio, co entrecruzamento da luz natural cenital con puntos eléctricos fai un insufrible efecto espello nos cristais das súas obras. 

Malia todo, á vista están os resultados efectistas de proxenie pictórica, con mulleres novas como modelos en pose significativa e vestimentas especiais que buscan afago e aprobación dende o instante lustral que detén a vida para decatarmos da beleza do momento elixido. Unha festa para os ollos dende a depurada técnica. Fermosos o do meniño louro, e o do clown que olla para o esqueleto dun pequeno animal, reflexiva e melancólica. As súas mulleres pensativas falan...

Te puede interesar