CAFÉ DE REDACCIÓN

Ana Pontón: “Para Galiza é necesario ter unha presidenta coas mans libres”

Ana Pontón fala no Café de Redacción como portavoz nacional do BNG

“Máis ilusionada e preparada ca nunca”, así se sinte Ana Pontón a menos dun ano das eleccións autonómicas en Galicia. A líder do Bloque e candidata á Xunta abordou este e outros temas de actualidade nunha entrevista en Telemiño. 

A actualidade pasa polo Congreso dos Deputados. Escoitabamos a Néstor Rego falar de lealdade a Galicia como dicía Alexandre Bóveda. Que vai sacar Galicia deste pacto de investidura?

Para min, como portavoz nacional do BNG, é un orgullo presentarlle á sociedade galega un acordo de investidura que claramente impulsa a axenda deste país, que mellora a vida das persoas e que, ademais, logra que freemos un goberno de retroceso como o que sería o da dereita coa estrema dereita machista, racista e antigalega. Estamos a falar de cousas importantes para o futuro de Ourense. Por primeira vez dende que existe a AP-53 pon sobre a mesa descontos moi importantes, que suporán reducións para os usuarios recorrentes de até o 75%. Isto significa que, nun mes, estas persoas poderán aforrar preto de 200 euros en peaxes. Impulsamos a modernización do ferrocarril, concretamente á modernización da vía Ourense-Guillarei. O ferrocarril é o medio de comunicación do futuro e Ourense ten que estar aí; non só coa comunicación co AVE, senón tamén coa articulación do interior do país. Temos o compromiso concreto de que xa nos orzamentos de 2024 ten que aparecer  ese xulgado exclusivo para a cidade. Tamén abordamos outro aspecto tan relevante como garantir que as pensións non perdan poder adquisitivo e que se incrementen máis as pensións máis baixas. Penso que isto último en Ourense, que ten o triste récord de ter as pensión máis baixas do Estado, indubidablemente vai facer que mellore a vida de moitas persoas. Satisfacción pero, ao mesmo tempo, esixentes para que se cumpra este apoio de investidura.

“O PP non debe entorpecer un bo pacto só porque o logre o BNG”

Para os que cuestionan os nacionalismos no século XXI. Este pacto de investidura dálles ou quítalles a razón?

Creo que hai unha reflexión moi clara que se pode facer no conxunto do Estado español: son as forzas nacionalistas as que están a servir de dique de contención contra o retroceso que pode significar un goberno da dereita coa estrema dereita. Penso que o que se pon de manifesto é que o máis útil para os galegos é a representación do BNG. Cun deputado e unha senadora conseguimos que avanzase a axenda galega. Pregúntome que logran os demais partidos. Non logran nada para Galiza porque os seus votos xa están entregados de antemán a Pedro Sánchez ou a Feijóo. Este acordo de investidura tamén pon de relevo algo moi importante: este pacto di que para Galiza é necesario ter unha presidenta coas mans libres para defender os nosos intereses. Ao longo destas semanas escoitei ao presidente da Xunta queixarse porque o BNG fai o traballo que el non fai. Nós defendemos Galiza ante o Estado mentres el está subordinado á estratexia do PP de Madrid.

O Estado aínda ten moitas materias pendentes en Ourense. Vostede mencionaba algunhas, pero quedan moitas outras. Ese único deputado e senadora que están en Madrid son capaces de apertar o suficiente?

Sabemos cal é a nosa representación. Pero nós cun só deputado estamos facendo que avance a axenda galega. Quero recalcar que este é un acordo de investidura e que o BNG non se ata as mans durante a lexislatura. Ao longo desta lexislatura haberá moitos momentos onde o peso do deputado BNG vai ser decisivo na política estatal, e imos utilizar eses momentos decisivos para que outros aspectos que teñen que ver cos nosos intereses se fagan valer. O PP dicía que ía haber uns acordos de investidura que prexudicaban a Galiza, mais o que firmamos garante a igualdade de trato en referencia á condonación da débeda. Estamos buscando solucións a un problema creado polo PP, porque foi o que triplicou, nestes últimos 14 anos, a débeda pública e foi quen, por pura propaganda, preferiu acudir ao financiamento da banca privada en lugar de acudir aos fondos do Estado. Iso deixounos nunha posición máis débil á hora de negociar as quitas. O BNG propón un acordo de investidura que di que temos que ter igualdade de trato na condonación da débeda, que vai absorber nos orzamentos de 2024 1.500 millóns de euros. Eses cartos van ir aos bancos en vez de ir para sanidade, educación, atención á dependencia, loita contra o cambio climático… Se logramos unha quita da débeda, teremos máis recursos para atender necesidades.

Os galegos poden estar seguros de que non vai haber discriminación con respecto a Euskadi ou Cataluña?

Euskadi ten unha cota que lles permite tomar todas as decisións. Mellor nos iría a nós se tiveramos a chave dos nosos cartos. Por outra banda, nós temos outro problema de base: non é o mesmo deberlle os cartos ao Estado que deberllos á banca privada. Con todo, no acordo de investidura, como sabiamos que ese era o punto de partida, dixemos que hai que buscar mecanismos fóra da compensación do FLA para que esa redución de débeda sexa análoga en Galiza. O grave é que, segundo Rueda, non era necesario quitar a débeda. Agora di que o vai estudar. O que non podemos é ter un presidente que improvise de seguido porque está máis preocupado de seguir as directrices do PP de Madrid que de exercer como presidente da Xunta. O que lle pedimos a Rueda é que non entorpeza o desenvolvemento do acordo só porque o conseguira o BNG.

Xa estamos en pleno ambiente de precampaña, aínda que non se coñece a data das eleccións galegas. Vostede competirá contra Rueda e contra Besteiro. Que opinión lle merece este segundo?

Son as organizacións as que teñen que tomar esas decisións e eu, polo tanto, respecto absoluto.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, abordou diferentes cuestións nunha entrevista en Telemiño.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, abordou diferentes cuestións nunha entrevista en Telemiño.

O BNG pensa nunha candidatura única da esquerda para esas eleccións galegas?

O que nós temos é un proxecto sólido. Nas pasadas autonómicas déronnos a responsabilidade de liderar a oposición, que é o que fixemos estes últimos 4 anos. Non só sinalamos o que non fai o goberno, senón que presentamos alternativas sólidas. Síntome máis preparada ca nunca para darlle o mellor goberno da historia a este país. Se facemos balance, vemos unha Galiza que vai cara atrás. Ten unha peor sanidade, peor educación pública, ten menos emprego do que tiña, e ten un problema gravísimo coa emigración dos mozos e coa falta de atención ás persoas maiores, que precisan un modelo que prime unha vellez digna por riba de calquera interese económico. Quero ser unha presidenta que faga historia con este país para que sexamos capaces de estar entre as nacións máis avanzadas do mundo. Creo que podemos dar moito máis de nós, tamén Ourense, e o meu compromiso é moi claro: quero que sexa unha terra de oportunidades. Por iso, o meu compromiso como presidenta será acabar coa discriminación e co abandono de Ourense

Que perspectivas electorais ten o Bloque en Vigo e na provincia de Pontevedra despois dos resultados das municipais?

O que vimos nos últimos procesos electorais é que o BNG está á alza. Somos a referencia do cambio, dun cambio que quere unha presidenta ao servizo só dos galegos. A min ninguén me vai dicir dende Madrid que podo defender ou non. Vemos que hai un problema grave porque estamos perdendo músculo empresarial, e non pode ser que o único modelo alternativo sexa un turismo “low cost”. Temos que poñernos a producir, temos capacidade para ser un polo de desenvolvemento económico baseado no coñecemento e na innovación. Hai unha maioría cansa de ver como Galiza retrocede da man do PP e sabe que alternativa que representa o cambio é o Bloque.

Esa forza de cambio tamén ten que chegar a Ourense.

Xa fomos a segunda forza nas últimas eleccións autonómicas. Imos poñer a énfase no importante: que teñamos unha sanidade pública onde a xente non teña que esperar 15 días para poder ir ao médico de cabeceira; que non haxa pais preocupados porque os seus fillos non teñen pediatra; que se es unha persoa maior saibas, con independencia dos teus recursos, que vas ter a atención que necesitas. En Ourense prometeuse que ía haber unha residencia pública xa funcionando e non está nin pedida a licencia.

Veríase gobernando en Vigo con Abel Caballero?

Para iso tería que presentarme por Vigo. Penso que de pactos hai que falar unha vez que a cidadanía emita o seu veredicto nas urnas.

Teme unha posible deslocalización do sector da automoción?

Non pode ser doutra maneira por todo o que representa Stellantis en toda a zona sur e para o conxunto do país. Hai que traballar para que as transformacións que se están producindo na automoción eviten calquera risco de deslocalización. Defendemos unha mesa galega da automoción onde estean todos os representantes do sector e onde nos posicionemos como referencia clave na transformación cara o vehículo eléctrico. Precisamente nestes días estamos a reclamar que hai un proxecto estratéxico: ter unha fábrica de baterías porque é o futuro. Paréceme grave que esta iniciativa nunca fora impulsada polo goberno galego.

Hai dous grandes temas na axenda nacionalista: o ferroviario, incluído no acordo co PSOE; e a cuestión eólica. En que momento estamos agora?

A produción de enerxía é unha gran oportunidade para Galiza; pero temos un goberno que está facendo que esa oportunidade se perda. Por que? Porque puxo unha alfombra vermella ao lobby eléctrico, que se vai forrar a costa de especular cos nosos recursos naturais sen deixar ningún rendemento no territorio. Temos que ir a un modelo ordenado, planificado e que teña en conta o impacto que estas infraestruturas teñen na xente do medio rural. E sobre todo que os beneficios da electricidade vaian á sociedade. Aí temos propostas claras: temos que reivindicar unha empresa pública, planificar o desenvolvemento da enerxía eólica e temos que garantir que hai un retorno ás poboacións onde se xera esa enerxía. As zonas produtoras debemos ter unha tarifa eléctrica máis barata. Dise que producir enerxía vai traer desenvolvemento; pois Ourense lévao facendo as últimas décadas e o único que fixo foi perder poboación, capacidade produtiva e os cartos foron para as eléctricas.

Ana Pontón
Ana Pontón

Recentemente os comuneiros de Carballeda de Valdeorras e a pizarreira Irosa-Samaca chegaron a un acordo para manter os 250 postos de traballo. Que modelo propón o BNG para unha industria tan importante en Ourense como a extractiva?

Temos que trazar liñas de futuro onde apostemos por dúas cuestións básicas: a primeira é que ten que haber unha explotación sustentable dende o punto de vista medioambiental e social; e segundo, temos que aspirar a que haxa unha maior transformación deses produtos no noso país, apostando por produtos que creen maior valor engadido. Temos un potencial enorme que, cun goberno que confíe no país e vexa que dende aquí podemos facelo ben, imos conseguir esa transformación.

Esa innovación tamén debe chegar, por exemplo, ao sector da madeira. Este é un ámbito no que Ourense ten un enorme potencial que semella desaproveitarse.

Cando empezamos a falar dos Next Generation, unha das propostas que levamos ao Parlamento era que se fixera unha aposta importante nun gran proxecto para transformar o sector da madeira. Este ten que ter unha pata na investigación, na produción e nun modelo con madeiras de calidade; pero outra que debe estar en facer unha industria transformadora. Aí Ourense ten unha capacidade e un potencial enorme, pero o que falla é un goberno que está na inercia e que só atende a certos grupos económicos, pero sen proxecto de país. 

“Quero ser a mellor presidenta da historia para poder estar entre as nacións máis avanzadas do mundo”

Canto hai de autocrítica no balance fai destes anos á fronte da oposición?

Sempre hai que querer mellorar. O que intento é, dende a humildade, poder representar unha alternativa na que se vexa reflectida unha maioría. Penso que ao longo destes últimos anos a mellor maneira de facer autocrítica é escoitando máis á sociedade. Quero ser presidenta porque me gusta Galiza, porque quero vivir aquí e porque penso que podemos ter moita máis calidade de vida.

Para lograr a confianza dos ourensáns e dos lucenses, hai que rematar coa discriminación da Galicia interior.

En primeiro lugar, pola miña orixe, coñezo ben cal é esa realidade e teño un compromiso moi claro: acabar coa discriminación que se vive no interior. Pero para poder acabar co abandono e co despoboamento o que se precisa é non ver isto coma un enfrontamento interno. Galiza ten no seu rural unha parte moi importante da súa riqueza e do seu futuro. O rural son máis de 260 concellos, que representan ao 90% do noso territorio. Fai falla unha política de discriminación positiva en servizos e á hora de captar recursos e proxectos. Temos que recuperar capacidade produtiva, terras agrarias que están abandonadas, apostar por un novo modelo forestal, pechar os ciclos produtivos aquí e, ao igual que se fixo co mar, crear unha industria potente de transformación dos produtos no interior.

Te puede interesar