Ana Pontón: “É hora de que Ourense deixe de perder e comece a gañar”

Mitin de Ana Pontón en Os Remedios. (José Paz)
photo_camera Mitin de Ana Pontón en Os Remedios. (José Paz)
A candidata do BNG, Ana Pontón, promete en Ourense solucionar o problema sanitario e prezos xustos no rural

Ana Pontón prometeu reforzar o CHUO con “verdadeiras unidades de ictus e xeriatría” e avanzou que impulsará  a estabilidade laboral do seu persoal, ademais de garantir a defensa do rural garantindo “prezos xustos” para produtores “reducindo a burocracia”.  Así o dixo a candidata do BNG no mitin central desta campaña en Ourense, celebrado nun ateigado anexo do pavillón dos Remedios, no que  sinalou que “é hora de que Ourense deixe de perder e comece a gañar” cun goberno que teña un “proxecto de país” e remate coa “discriminación de Ourense e Galiza”. 

A candidata nacionalista chamou a cidadanía a “apostar por algo diferente” para obter “resultados diferentes” e, para iso, ofreceuse como unha presidenta  “coas más libres” que gobernará da man da xente e defendendo os servizos públicos.  “Sei moi ben quen son, para que estou aquí e a quen me debo. Eu débome á xente que defende a sanidade pública”, proclamou Pontón, facendo bandeira do tema sanitario, que centrou gran parte da súa intervención. “O goberno do PP converteuse nun perigo para a saúde dos ourensáns”, advertiu a nacionalista. 

Compromisos con Ourense

Un dos seus grandes compromisos con Ourense é “resolver todos os problemas que ten o seu complexo hospitalario, empezando pola precariedade e a sobrecarga que impón o PP”. Nese senso, garantiu que potenciará os contratos estables e porá en marcha un plan de formación e de investigación para estabilizar o persoal médico. Ademais, avanzou que o CHUO  vai contar con “verdadeiras” unidades de xeriatría e de ictus, “porque non é normal” que careza delas malia a ateender a unha das zonas coa poboación máis envellecidas. 

No eido sanitario, avanzou que o BNG construirá “por fin” un centro de saúde no Vinteún, “unha infraestrutura que o PP aparcou pese a que xa fora aprobada nos anos nos que o BNG formou parte do Goberno galego. 

Pontón aproveitou que agricultores e gandeiros acudiron ao mitin para protestar en contra da política agraria europea  para reiterar o seu compromiso de defender o rural “de todas aquelas medidas que se tomen en contra dos nosos produtores, en Madrid ou en Bruxelas”, así como a garantir prezos xustos e reducir burocracia, “porque estamos falando de explotacións agrogandeiras, non de xestorías”.

A candidata  reafirmou o compromiso de seguir defendendo o dereito dos gandeiros  e produtores “a vivir do seu traballo e con prezos xustos” porque, advertiu, “non é normal que a xente do noso medio rural faga o traballo duro e encha a neveira das nosas casas con alimentos de calidade, pero sexan outros os que quedan cos beneficios”.

Por último, pediulle ao candidato do PP, Alfonso Rueda, que “deixe de esconderse” e acuda tanto ao debate de TVE como a un cara a cara coa líder da oposición, “o mínimo en democracia, como demostraron Pedro Sánchez e Feijóo nas pasadas eleccións estatais”. Para Pontón, o problema de Rueda é que “non ten nin programa nin ideas e por iso prefire esconderse”.

“Nin proxectos importados nin localismos estériles”

Mitin de Ana Pontón en Os Remedios. (José Paz)
Mitin de Ana Pontón en Os Remedios. (José Paz)

“Quen pode marcar a diferenza para sacar adiante Ourense é o BNG”, dixo no mitin a cabeza de lista por Ourense, Noa Presas, que pediu a confianza dos ourensáns para poñer en marcha “unha Galiza mellor na que non haxa galegos de primeira e de segunda” porque, se hai unha parte do país que máis precisa un cambio político “é Ourense”, salientou. “E e queremos rematar coa discriminación de Ourense hai que rematar coa discriminación de Galiza”, engadiu. Reclamou así a un proxecto no que o equilibrio territorial e cohesión social son centrais: “Sabemos que se alguén pode sacar adiante Ourense é o BNG. Quen pode marcar a diferenza é un goberno de cambio liderado por Ana Pontón, unha muller que sabe o que hai que facer e como hai que facelo”. 

Presas chamou a concentrar o voto na papeleta do BNG na provincia para “fuxir de proxectos políticos importados doutras latitudes e de localismos estériles que disfrazados de amor a Ourense só serven para alimentar intereses individuais”.

Te puede interesar