Anxo Quintana: "O BNG gañou a pulso ter unha oportunidade porque soubo resistir"

O exvicepresidente da Xunta de Galicia, Anxo Quintana.
photo_camera O exvicepresidente da Xunta de Galicia, Anxo Quintana.
Anxo Quintana foi vicepresidente da Xunta de Galicia entre o 2005 e o 2009

O exvicepresidente da Xunta de Galicia entre 2005 e 2009, Anxo Quintana, analiza onde se atopan as claves das eleccións galegas do próximo 18 de febreiro e como ve ao seu partido, o BNG.

Como ve as eleccións galegas?

Véxoas con ilusión porque é unha boa oportunidade para cambiar as cousas e intentar mellorar. Están sendo interesantes porque están competidas e aínda queda o partido por xogar.

O BNG ten unha oportunidade histórica?

Ten unha oportunidade gañada a pulso, Na política e na vida hai que saber resistir para poder vencer, o BNG soubo resistir e por iso agora pode vencer.

Onde estará a clave o 18F?

Penso que a clave está en que a xente o crea. Ás veces, os galegos estamos demasiado impregnados de fatalismo e fáltanos autoestima, somos tendentes a pensar que as cousas non poden cambiar nunca. Eu creo que non é así e, na medida na que a xente vaia a votar e o faga coa convicción de que as cousas poden ser mellores e que Galicia ten futuro, as cousas poden ir moi ben o 18F.

O BNG ten a madurez suficiente para liderar o Goberno galego?

O BNG xa goberna, non é unha forza política nada extemporaneamente como un produto de marketing para unhas eleccións. Ten 40 anos de historia e xa goberna en moitos concellos e en todos eles hai honestidade, honradez, limpeza , proxectos innovadores e ninguén pode falar demasiado mal do que fai o BNG cando goberna e, que agora o faga na Xunta, é o proceso natural dunha democracia na que é necesaria a alternancia.

Pódese levar o modelo de Allariz a toda Galicia?

Creo que pódense levar a toda Galicia as conviccións e os proxectos que en Allariz se puxeron en marcha. O que fai falta é ter o convencemento de que a comunidade ten recursos para poder xerar riqueza para os seus cidadáns. En iso é no que está o BNG neste momento e estou seguro de que o faría dende o Goberno como xa o fixemos no ano 2005. 

Que diferenzas hai entre o BNG do 2005 e o actual?

A diferenza que hai e que o partido de agora é moito máis adulto, está máis cohesionado e ten un liderado moito máis forte apoiado polo conxunto da militancia. O partido ten a sorte de contar cunha candidata como Ana Pontón que transmite esa tranquilidade e seguridade que os cidadáns sen ter que abdicar de ningún dos seus convencementos e ideas. 

Por que a esquerda non consigue unirse?

Pola mesma razón que a dereita tampouco o fai. En Ourense temos PP, Vox ou Democracia Ourensana, hai unha variedade de opcións polas que optar. Creo que hai demasiada costume de falar da pluralidade da esquerda e non da dereita. 

Como valora as enquisas?

Eu sempre penso que son estudos demoscópicos que serven para marcar tendencias e dificilmente acertan na asignación de escanos. En tódalas enquisas, a tendencia é que o Partido Popular baixa e o BNG sube, iso pode levar a un resultado no que o BNG ostente a presidencia da Xunta. 

Bota de menos a política activa?

A verdade que non porque non teño tempo para botala de menos.n

Te puede interesar