Arrancan as obras do Parque da Igualdade no encoro de Cachamuíña

photo_camera Pablo Pérez e Luz Doporto, na súa visita ás obras en Cachamuíña.
O espazo é unha homenaxe ás mulleres vítimas da violencia de xénero

Estes días comezaron as obras na contorna do encoro de Cachamuíña, no Pereiro de Aguiar, para a construción do Parque da Igualdade, unha iniciativa que busca ser un lugar de homenaxe permanente ás vitimas da violencia de xénero. Onte visitaron estas obras a deputada de Igualdade, Luz Doporto, e o deputado de Cooperación, Pablo Pérez, do organismo provincial.

Doporto destacou que este proxecto “supón pasar das palabras aos feitos” en referencia ao Plan de Igualdade de Oportunidades entre Homes e Mulleres, aprobado pola institución provincial en 2017 e vixente ata este ano. O novo espazo, dixo, “naceu coa idea de ofrecer unha experiencia emocional a escolares, familias e calquera colectivo para profundar na prevención da violencia de xénero e concienciar á sociedade sobre como se produce esa escalada da violencia”.

Este parque constará dunha superficie de 2.800 metros cadrados e estará composto por un paseo no que se representarán os obstáculos que representan o camiño emocional que percorren as vítimas de violencia de xénero.

Pablo Pérez desacou que o parque “estará integrado na futura área natural e de ocio que a Deputación está a construír e ampliar na contorna do encoro de Cachamuíña”.

Te puede interesar