Arrancan os traballos de cubrición do patio do colexio Ben Cho Shey

As obras no colexio Ben Cho Shey.
photo_camera As obras no colexio Ben Cho Shey.
O alcalde prevé que o tellado da pista estea rematado “dentro dun mes”

Esta semana iniciáronse as obras para a cubrición do patio do colexio Ben Cho Shey, nas que se destinarán máis de 300.000 euros. Nesta intervención, ademais de cubrir a pista polideportiva do patio do colexio, tamén se ampliarán os pasillos laterais, que serán máis anchos. O alcalde do Pereiro, Luis Menor, prevé que a obra estea rematada dentro dun mes, e que “mellorará as condicións do alumnado do centro para o lecer e o deporte fronte ás inclemencias do tempo”.

Tamén na contorna da escola, renovouse a sinalización vertical e horizontal “para dotar a peóns e vehículos de maior seguridade”. Esta obra complementa a executada hai uns anos que posibilitou a apertura do patio e facer unha ruta circular “que aporta seguridade e comodidade aos usuarios que o empregan cada día”, afirma Menor.

Ademais, na parroquia de Melias están “a piques de rematar” os traballos do novo edificio multiusos, “unha antiga demanda veciñal que estará a disposición dos veciños nos vindeiros días”. Tamén está rematándose a segunda fase da reforma e mellora do local social, financiada por unha subvención de 17.000 euros da Xunta, que se complementa con outra do mesmo importe concedida o ano pasado.

Te puede interesar