Arte et Alia

Arredor de Xela Arias

a_poesia_do_retrato,_no_campus_da_universidade_resultado
photo_camera "A poesía do retrato", no Campus da Universidade.

Faise presente a Primavera das Letras en Ourense para a poeta Xela Arias, homenaxeada coas “Letras Galegas 2021”. Dúas exposicións no Campus, “Aquela nena de Sarria”, na intersección das aulas do andar baixo do Edificio de Ferro, e “Xela Arias. A poesía do retrato” no xardín a carón do Paseo da Igualdade, que vai dende o primeiro dos edificios até o mencionado, conformando así un contínuum relacional. Son polo inusual da abundancia, unha implicación adxectiva da Universidade de Vigo na conmemoración desta artista da palabra. E o sismo chega noutra onda até a antiga Casa da Xuventude, onde tamén se amosa aquela exposición dos primeiros anos na futura artista que entra desta volta no canon da literatura galega abrindo as follas da porta das grandes solemnidades.

aquela_nena_de_sarria,_no_edificio_de_ferro_resultado

Eis unha mostra homenaxe dos seus primeiros anos, realizada polo Colectivo Egeria, e que amosa os espazos dela e da familia no val de Sarria, dende o nacemento de Xela Arias Castaño (Lugo, III.1962) e a Escola da Granxa de Barreiros, á cidade de Lugo en 1965. Aquí foi ao colexio Fingoi e catro anos despois xa á parroquia de Sárdoma, á entrada de Vigo, territorio rururbano dunha cidade na que viviu até que a morte sorprendeuna (Vigo, XI.2003), tendo corenta e un anos. Dos tres paralelepípedos salientamos como leva o cerne do galego até o legal, removendo o seu nome inicial de María de los Ángeles até o de Xela, como dende picariña foi chamada, conseguindo que fose legal dende 1995. Unha muller que fala e escribe en galego e castelán naqueles avoltos anos das batallas pola norma do idioma. Moi nova participou en “Axóuxere, semanario do neno galego” de La Región, promovido polo escritor lucense Paco Martín entre 1974-1975. As lembranzas dela polas súas compañeiras poetas, María Xosé Queizán, a quen lle editou algún libro en Xerais, onde traballou unha década, Yolanda Castaño ou Olga Novo, que lle escribe “a moza que denuncia o equilibrio que non hai/á revolución polo amor”, e entre as “vilariñas”, no resol do poeta Díaz Castro, chamounos a atención a de Xesús Rábade “...o que arelaba brilla nos teus ollos por máis que os ollos peches”. 

A exposición do exterior, ben fermosa e visible, desenrolase nos seis os fitos-piares cuadrangulares, con imaxes en branco e negro coas que se tenta facer unha interacción cun fragmento poético das obras de Xela Arias na procura dun diálogo entre fotografía e poema. Eis unha proposta de fondo alento que se iniciou en Sarria e rola por Lugo, que chega aquí. Os retratos da poeta, directos e explícitos, teñen afán identificador, e as imaxes expresan sinceridade e frescura. Son, certamente, poesía. Todos os encadres saíron do maxín de Xulio Gil (n.1954), a súa parella nos noventa, unha década prodixiosa que comezan xuntos con “Tigres coma cabalos”, 1990, nús no estudo e poesía, proxecto poético e fotográfico sobranceiro, que se está a exhibir de novo e agardamos en Ourense, o que sería todo un suceso, e no que hai algunha icónica imaxe dunha escritora que buscou o desequilibrio máis alá de Procusto.

Te puede interesar