CULTURA

Gravados con apisonadora para Casares

Aos homenaxes que se están a render a Carlos Casares hai que sumar o dos artistas Fonso Castro, Isabel Somoza, Xabier de Sousa e Xosé Poldras, que onte realizaron gravados inspirados na súa obra cun "monstro" de 2.500 kilos. 

Durante todo o ano, estanse a celebrar actos de homenaxe ao escritor ourensán Carlos Casares, pero ata o momento aínda non se lle ocorrera a ninguén realizar gravados, inspirados na súa obra, empregando unha apisonadora no canto dun tórculo, como é habitual nos obradoiros dos gravadores. 

Esta peculiar idea foi a que tiveron os artistas Fonso Castro, Isabel Somoza, Xabier de Sousa e Xosé Poldras, e que levaron a cabo onte ante a expectante mirada dos curiosos que se achegaron ás inmediacións do centro cultural Marcos Valcárcel. Alí puideron ver de primeira man esta actividade con certo carácter de performance, pola posta en escea da apisonadora. 

Mentres humedecían o papel, que os gravadores elaboraron para a ocasión, e impregnaban de tinta a prancha traballada co deseño, Xosé Poldrás explicaba a obra. "Aínda que son gravados abstractos, inspirámonos nas obras de Casares, e neles poden verse guiños a 'O sol daquel verán', 'Ilustrísima' ou 'Vento Ferido', entre outras", detallaba o artista coruñés.

Non deixaron nada ao azar, e o chamativo traballo estaba ensaiado. Todo saiu rodado. O público puido comprobar como a pisada da apisonadora permitía reflexar no papel o debuxo invertido que figuraba nas pranchas. "É fascinante. Tivo un pouco de maxia, no sentido de ver un monstro semellante -pola apisonadora- pisando algo tan delicado", comenta Xabier Iglesias. "É un xeito de atraer á xente ao arte dunha maneira moi atractiva", continúa.

E esa era a intención dos artistas. Pero ademáis de chamar a súa atención cunha técnica tan innovadora, permitiron que os espectadores elaborasen os seus propios gravados coa axuda dese particular tórculo que desprazaron á rúa da Cruz Vermella. "O que queremos é ver o que fai o público, que é a esencia do gravado, a sorpresa", comenta Poldras.

A Mauro Alonso apasiónalle o debuxo e non dubidou en aproveitar a ocasión para iniciarse nunha nova modalidade, tallando un autoretrato abstracto. "A ver se me sae un pequeno artista", comentaba a nai. Pero non só se apuntaron os pequenos. Ao seu lado, Ramón empregaba outra técnica no gravado dun barco, o do seu pai.

Te puede interesar