arte et alia

A arte de Celeiro en retrospectiva

O día da inauguración. Na parede hai obras recentes en cerámica.
photo_camera O día da inauguración. Na parede hai obras recentes en cerámica.

Trae obras dos seus comezos nos anos cincuenta, bodegóns de facetados planos-luz, ángulos nos que tenta pescudar a súa voz

Son máis de noventa anos, unha longa vida, na que o ser humano que é Emilio Fernández Celeiro (A Coruña, 1928) tense ido convertendo no artista Celeiro. Dende que se inicia no mundo dos artistas e dera en expoñer en 1954, con vinte seis anos, na sala institucional de Información y Turismo da cidade herculina, logo do seu debut nunha colectiva o ano anterior, ten desenvolvido o seu itinerario plástico tanto alí como do outro lado do océano, onde viviu varias décadas. E agora, cando acada sesenta e cinco anos nas salas, fáiselle en Ourense, lonxe da súa terra natal, unha ampla retrospectiva, na sala 1 do centro cultural da Deputación.

Trae obras dos seus comezos nos anos cincuenta, bodegóns de facetados planos-luz, ángulos nos que tenta pescudar a súa voz. Así Lloronas, de 1959, etnográficas prañideiras que non faltaban nos enterros, cuxa presenza foi esmorecendo a medida que concluía o tempo da Ditadura do Xeneral Franco. Era canto Celeiro podía facer pois o seu traballo cotiá era como vendedor e escaparatista na empresa El Pote. As súas aptitudes plásticas, modeladas nas clases con Mariano Gª Patiño, danlle a soltura necesaria para ilustrar os catálogos para a venda comercial. E pasa do taller daquel a axudante de José González Moro, profesor de debuxo de Artes y Oficios. Con unha destas obras fixo o debut nunha colectiva en 1953. Mais ten que coller a maleta en 1955 como emigrante cara América, instalándose en Venezuela, onde no canto das artes completará estudos na Escuela de Artes Aplicadas e no Taller Libre de Arte, en Caracas, tomando clases de debuxo con Martín Durbán e Moisés Volspiansky. Aquí expón na Irmandade Galega en 1967, e noutras catro mostras até 1981, data na que regresa á Coruña. Alí aprendeu a fundir bronce, época da que hai pezas na exposición. En 1996 con 66 anos volve ás salas en Valencia, para centrarse xa na Coruña e arredores dende 2003, facéndoo até o de agora regularmente. O rodaballo e peixes abisais son dende entón os temas centrais, nos bronces, as pinto-esculturas ou en gravados. E con eles as figuras mutantes, premonición do futuro, debuxos cos que segue a amosar mestría acadada dende os anos setenta, e coa que desenrola toda a súa capacidade simbólica. Como en Roda da Vida, gravado de 2003, dun xeometrismo matemático con acaído sabor a cumio vital, o que non obsta para que o vello mestre recoñeza en Sueños rotos, óleo de 2006, como nos camiños da vida percorridos hai sempre unha carga de renuncias. Téñenlle dado premios nos últimos anos na Bienal de balconadas de Betanzos, a Cunca das Artes da Asociación de Amizade das Artes Galego-Portuguesa, e a Vª Paleta de Prata da Asociación de Artistas ARGA, en 2012. O pasado ano foi elixido presidente deles, e na súa sala na Coruña ben de facer exposición o pasado abril. É dende logo un amplo abano o desta mostra, a primeira que trae até nós, e presentou Paco Ascón, á que engade pezas recentes de cerámica. Toda unha revelación. 

Te puede interesar