ENTREVISTA

"Asar as castañas sen estourar é profanar o Magosto orixinal, o Samaín dos celtas"

sdf_result
photo_camera Manuel Mandianes, experto no Magosto.

O antropólogo do CSIC Manuel Mandianes leva toda a vida investigando o Magosto máis puro, o que celebraban os celtas para despedir as ánimas: "En Galicia os mortos están vivos". As súas teses sobre o que considera a equivalencia co Samaín deron a volta ao mundo

O antropólogo do CSIC Manuel Mandianes leva toda a vida investigando o Magosto máis puro, o que celebraban os celtas para despedir as ánimas: "En Galicia os mortos están vivos". As súas teses sobre o que considera a equivalencia co Samaín deron a volta ao mundo. 

Cantos anos leva defendendo que o Samaín é o Magosto?

Moitos, polo menos 15. E anos anteriores estudando o tema.

Que é o Magosto?

Unha celebración ritual funeraria que facían os celtas en memoria dos seus antepasados e chamábanlle Samaín. Reuníanse por comunidades e era case obrigatorio asistir á festa, que rememoraba aos antepasados, comendo e bebendo. 

Cando ten que celebrarse?

Do 31 de outubro ao 1 de novembro. Vai moi unido ao ciclo agrario que seguían no rural. O día 11 do San Martiño tamén está incluído neste período, en que acaban de recollerse todos os froitos, os derradeiros son as castañas e as noces. Ao acabar de recoller os froitos e empezar a sementeira, é coma se todo o que hai sobre a superficie da terra pasase a ser soterrado. O Magosto celébrase nesta data porque é a celebración de despedida das ánimas que van ao outro mundo, ao subterráneo.

Para quen é a festa?

Na comunidade celta asistía toda a comunidade, sen distincións de idade nin clases sociais. As divisións son modernas. O Magosto é para todas as xentes. Tradicionalmente celebrábase no monte, pero os vellos non podían subir. Nos magostos que celebran agora os concellos nas prazas pode ir todo o mundo.

Onde hai que facelo: na lareira, no monte ou no praza?

No monte. Isto ten outra razón fundamental: o Magosto é a inversa do Entroido. Os vivos imos alí onde residen os outros para despedilos nos espazos non urbanos, é dicir, no monte. O Entroido é todo o contrario. Son eses habitantes os que veñen ao espacio urbano, invádennos, veñen a saudarnos para iniciar unha nova convivencia. Dende o tempo do Magosto ao tempo de Entroido, estes dous mundos están completamente separados.

Costumes coma as dos nenos pintando a cara cas cinzas conectan cos valores do Entroido?

Totalmente. Iso publiqueino xa no meu libro "Loureses", no ano 1982. Cando os nenos se tiznan son máscaras. Estamos despedindo á xente que habita no outro mundo, pero nós que quedamos aquí somos unha réplica deles, porque todo o enmascarado, por definición,  é habitante do outro mundo.

É importante que os nenos fagan o Magosto na escola?

É unha transformación do Magosto, unha desvirtualización na medida en que o resto da sociedade está excluída dese magosto. Pero non ten gran importancia, axuda a manter unha tradición moi arraigada, non so en Galicia. 

Estudou o Magosto de Cataluña e Andalucía.

A Castañada catalana ten as mismas características que o Magosto galego. Nas Alpujarras de Andalucía chámanlle Mauraca. Tiven a posibilidade de celebralo nos tres lugares e as caraterísticas fundamentais son as mesmas. Os elementos  engadidos son accidentais, a esencia non cambia.

Aquí coñeceu ritos curiosos. Seica uns albañís da Limia atoparon castañas nas tumbas.

Si. Iso proba que as castañas son comida de mortos. Metían castañas no cadaleito para o viaxe ao outro mundo, porque en Galicia os mortos están vivos. As castañas tal e como as asamos hoxe sobre a cociña de ferro ou na vitrocerámica son unha profanación do Magosto. Teñen que estourar. O bafexo da castaña é unha ánima que se libera porque estaba presa.

Como adaptar o Magosto a hoxe sen perder a esencia?

Tal e como se está facendo, promovido polos concellos, nas prazas, conserva a esencia. Ningún acontecemento humano é puro. 

Te puede interesar