TRIBUNAIS

A Audiencia de Ourense suspende por segunda vez un xuízo por tráfico de cocaína en botes de xampú

photo_camera Os inculpados, na Audiencia provincial o pasado 21 de xaneiro. (MARTIÑO PINAL)

A vista quedou suspendida ata o próximo 18 de febreiro.

A Audiencia Provincial de Ourense suspendeu, por segunda vez, o xuízo contra cinco persoas acusadas de traficar con cocaína oculta en dous botes de xampú, xa que unha das maxistradas do tribunal non se presentou á sesión "por motivos persoais".

Antes de comezar a vista confirmouse a ausencia dunha das maxistradas, que pedira o día libre por motivos persoais. Dado que unha vez iniciado o xuízo non se pode modificar o tribunal, a vista quedou suspendida ata o próximo 18 de febreiro.

Esta é a segunda vez que o xuízo se atrasa, xa que o pasado 21 de xaneiro, cando estaban chamados a declarar os peritos e os policías encargados da investigación, se tivo que suspender a vista por enfermidade dunha das avogadas da Defensa.

No seu escrito de acusación, a Fiscalía considera que J.L.C.P se dedicaba á venda de droga coa colaboración da súa esposa, E.D.R; e do irmán desta, N.D.R., todos eles con residencia habitual en Ourense.

En maio de 2011 N.D.R foi interceptado con 846 gramos de cocaína, valorada en 82.252 euros, oculta en dous botes de xampú que portaba no interior dunha mochila por encarga de J.L.C.P e E.D.R. Tamén tiña 5,184 gramos de planta de cannabis valorados en 26,69 euros.

Segundo o mesmo texto, outro acusado, F.J.C. viaxou en autobús a Madrid nas mesmas datas a petición do principal acusado e alí púxose en contacto telefónico coa última das acusadas, M.T.Z.B., que chegara de Venezuela varios días antes. Tras verse nun bar, a acusada foi ao hostal no que se hospeda e entregou unha bolsa a F.J.C. que contiña 338 gramos de cocaína valorada en 46.531 euros.

Por todo iso, a Fiscalía pide para J.L.C.P e E.D.R a pena de sete anos e seis meses de prisión; seis anos para N.D.R; e catro anos e seis meses para F.J.C.V e M.T.Z.B. A todos eles se lles acusa de delitos contra a saúde pública por tráfico de drogas.

A DEFENSA SINALA "MÚLTIPLES IRREGULARIDADES"

Pola súa banda, as defensas solicitan a libre absolución dos detidos. Durante a primeira xornada do xuízo, a avogada de J.L.C.P, da súa esposa E.D.R. e do irmán de esta, N.D.R., pediu a nulidade do proceso debido a "múltiples irregularidades procesuais" e ao entender que o caso se basea nun erro de identidades entre o seu cliente J.L. e un irmán que responde ás iniciais J.A.

Durante a súa intervención, a letrada insistiu en que se estaba a atribuír ao seu cliente a identidade do seu irmán. Para xustificalo, sinalou que nos documentos policiais aparecía o seguimento con nomes diferentes como J.A. ou J., co que non se podía asegurar que a persoa investigada estaba sendo o seu defendido.

Te puede interesar