Baiuca, sobre a súa actuación no Ouren Sound Fest: “Temos unha débeda con Ourense”

Imaxe de Alejandro Guillán Castaño, coñecido artísticamente como Baiuca.
photo_camera Alejandro Guillán Castaño, coñecido artísticamente como Baiuca.
Baiuca actuará o venres 26 de maio no Ouren Sound Fest, encontro que o artista de Catoira agarda con ansia: “Será a primeira actuación en Galicia dende hai máis de medio ano”

Alejandro Guillán Castaño naceu en Catoira, unha vila da provincia de Pontevedra situada na desembocadura do río Ulla. Ata 2017 e facendo pop usou o nome de Álex Casanova, pasou co folk electrónico ao nome de Baiuca xusto en relación ao seu lugar de orixe, dado que unha baiuca é unha taberna e A Baiuca, onde naceu, debe a súa denominación a unha das máis antigas da zona.

Así, moi vencellado ás tradicións está o cancioneiro que contén os seus traballos “Solpor” (2018), “Misturas” (2019), “Paisaxes” (2020), “Adélia” (2020), “Embruxo” (2021), “Embruxo Remixes” (2022) y “Diamante / La Mare” (2023), do que o público que asista ao seu concerto no Ouren Sound Fest poderá gozar de primeira man.

Cando, por que e como decidiche mesturar a música tradicional galega coa electrónica?

Dende sempre.

Para ritmos españois como poden ser o flamenco ou a copla foi fácil instaurarse a nivel mundial, mesmo en sitios impensables coma Asia. No caso da música tradicional galega, salvo o caso de Carlos Núñez, ademais un dos teus referentes, parece máis difícil. Axuda a fusión para que sexa máis fácil a súa divulgación? Chégase, así, a outros públicos?

Non, chégase a outros lugares cando alguén cre que pode chegar. Estou tendo a oportunidade de tocar polo mundo e vexo a fascinación da xente cara os nosos instrumentos, os nosos ritmos, a nosa maneira de cantar. Só hai que saír fóra e amosarlle ao mundo o que temos aquí. Obviamente é máis sinxelo cando unha cultura determinada se posiciona como marca dun país, como pode ser o caso do flamenco, que é marca España, pero iso de pensar que o noso ten que ser máis difícil... só temos que mostrar o que temos. Se ata agora non se fixo máis que en determinadas ocasións, pois aproveitemos o momento actual.

Antes mencionamos a Carlos Núñez, con quen gravaches unha canción. Tamén o fixeches con Xoel López, Rodrigo Cuevas e tantos outros. Hai algún artista en particular co que che faga especial ilusión gravar?

Faime moita ilusión descubrir novas voces e novas formas de creación. Valoro moitísimo coñecer a todos os artistas que mencionas, sobre todo pola amizade que se xera despois dun traballo compositivo e de produción conxunto, pero sentir que coñeces unha voz que aínda non é coñecida para a maioría do público e que a escoitas por primeira vez, é unha sensación incrible.

Volvendo a Galicia, a morriña inspira?

Inspiran moitas cousas en momentos determinados. E o lugar onde estás compoñendo sempre é inspirador, por estar preto ou lonxe. Pero, como artista, o que máis valoro sempre cada vez que me enfronto a un novo traballo é atopar puntos novos nos que inspirarme.

Con que espectáculo se atopará o público que asista ao Ouren Sound Fest a ver a Baiuca?

Estarei acompañado da miña banda, o que sorprendentemente será a primeira vez que actuemos neste formato en Ourense. Temos unha débeda pendente cos ourensáns. E será a primeira actuación en Galicia dende hai máis de medio ano. Teño moitas ganas de poder conectar novamente co público e tocar por primeira vez en Galicia algunhas cancións que non tocamos ata agora.

Te puede interesar