Baltar negociará para manter a liña de tren de Ourense a Sanabria

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse onte con catro alcaldes do PP que xestionan municipios polos que pasa a vía do tren e o servicio ferroviario que pretende eliminar o Ministerio de Fomento, para buscar fórmulas que convenzan á ministra Ana Pastor da conveniencia de manter a liña Ourense-Puebla de Sanabria, aínda que o seu número diario de viaxeiros é escaso.
Segundo informou despois a propia Deputación, os rexidores Manuel Gallego (Taboadela), Eladio Mangana (Baños de Molgas), Manuel Pérez Carballo (Vilar de Barrio) e Xosé Manuel Fernández (Paderne de Allariz) expuxeron a súa preocupación polo anuncio da supresión do servizo ferroviario. Na xuntanza, Baltar explicoulles que dita decisión forma parte da aprobación, onte, no Consello de Ministros, do 'Plan de racionalización dos servizos de transporte ferroviario de viaxeiros de media distancia', que declara como obriga de servizo público todas as relacións ferroviarias cun aproveitamento superior ao 15 %.

Como consecuencia de dito plan mantense a conexión Santiago-Carballiño-Ourense e tamén, aínda que non chegan a ese 15 %, a de Ourense-Vigo (11,7 %) e a de Vigo-Ourense-Monforte-Ponferrada (12,9 %). No caso de Ourense-Puebla de Sanabria trátase dun servizo que non chega aos nove mil viaxeiros ao ano, investindo o erario público 371 euros por usuario, cando o viaxeiro paga 11,90 euros polo billete.

Con todo, comprometeuse a trasladar aos responsables de Fomento as reivindicacións e preocupacións dos alcaldes, así como a solicitude de reconsideración da medida. Na reunión tamén acordouse a presentación, tanto nos plenos dos concellos afectados como na corporación provincial, de mocións que reflictan o posicionamento político tanto das entidades locais como da Corporación provincial, que levará o asunto ó seu pleno do mes de xaneiro.

Os alcaldes fixeron fincapé no impacto negativo que terá o peche desta liña ferroviaria nos seus concellos, todos eles rurais. Ademáis, axilizarase o aillamento e o problema de comunicacións nunha parte importante da provincia de Ourense.

Te puede interesar