San Pedro de Rocas recibe o Premio da Cultura Galega

Baltar recolleu o premio en Santiago de Compostela.
photo_camera Baltar recolleu o premio en Santiago de Compostela.

O pintor Antón Pulido e a xornalista Esther Estévez, tamén ourensáns, recibiron galardóns

Os Premios da Cultura Galega tiveron este sábado un claro tinte ourensán, xa que entre os galardoados estiveron o mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos), Ben de Interese Cultural e un dos símbolos da Ribeira Sacra, o pintor Antón Pulido ou a xornalista verinesa Esther Estévez polo seu programa “Dígocho eu” sobre a lingua galega. Os galardóns da Cultura Galega, entregados no Centro Galego de Arte Contemporánea,  son entregados pola Xunta para salientar o labor en diversos campos artísticos. 

No eido do patrimonio cultural, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, recolleu o premio concedido ao mosteiro de San Pedro de Rocas polo labor na conservación do patrimonio. Alí comprometeuse a “seguir avanzando na súa protección, preservación e difusión” da man da Xunta. Baltar  agradeceu este recoñecemento e garantiu o máximo compromiso co mosteiro, a través de accións coma a “loita pola declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade” ou o Plan Destino Turístico Intelixente liderado pola Deputación. San Pedro de Rocas, que celebrará en 2023 o centenario da declaración de patrimonio nacional, é “un lugar de altísimo valor antropolóxico, histórico e cultural” que “grazas ao AVE está a só dúas horas e media de Madrid”.

Baltar agradeceu o premio, “primeiro porque Rocas é de titularidade provincial pero, sobre todo, porque creo que é patrimonio da humanidade. Por iso estamos loitando ante á Unesco para a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial. E dentro desta xoia natural, San Pedro de Rocas é o conxunto máis visitado”. Baltar tamén defendeu a lingua galega como o “noso maior tesouro, como di o artigo 5 do Estatuto”, a piques de celebrar o Día das Letras, adicado este ano ao ourensán Florencio Delgado Gurriarán, nado en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras).

O presidente da Deputación, acompañado polo alcalde de Esgos, Mario Rodríguez, recibiu o galardón da mans do presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana, nun acto que contou coa presenza do presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo; o presidente do Parlamento, Miguel Santalices; o conselleiro de Cultura en funcións, Román Rodríguez; o alcalde de Santiago, Xosé Antón Sánchez Bugallo, ou a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez. Feijóo, que pechou o acto antes da interpretación do himno galego, felicitou  ao presidente da Deputación por “presumir da Ribeira Sacra e de Rocas”. 

Outros premiados

Os premios tamén recoñeceron os ourensáns Antón Pulido -na modalidade de artes plásticas, entregándolle o premio Miguel Santalices- e a xornalista Esther Estévez, na categoría de lingua, polo programa “Dígocho eu!”. 

Feijóo rodeouse do mundo cultural para o seu último acto como presidente 

Feijóo destacou que nun mundo global “a singularidade é preciosa” no peche da entrega dos Premios da Cultura Galega, un evento no que agradeceu  o esforzo ao sector cultural, “que deu o mellor de si nos momentos máis complexos”. O presidente saínte  celebrou a “reactivación cultural de Galicia” logo da a pandemia e apelou á súa consolidación neste 2022, “co impulso do Xacobeo e os fondos europeos”. Ademais,  lembrou que se tratou do seu “último acto como presidente da Xunta”. 
“Levades polo mundo o noso nome e enriquecedes a nosa pegada colectiva”, referiuse respecto ao papel dos creadores. “A cultura adoita presentarse como unha continuidade histórica que nos permite adaptar en cada momento o mellor da tradición sen menoscabar a súa esencia, garantindo a súa supervivencia”, continuou.

Ademais de San Pedro de Rocas, Antón Pulido e Esther Estévez, foron premiados na categoría de Letras, Bernardino Graña; en Artes Escénicas, Nova Galega de Danza; en Música, Natalia Lamas Vázquez; en Audiovisual, Zaza Ceballos, e en Proxección Exterior, a Federación de Asociacións Galegas República Arxentina.
“Galicia practica unha cultura extrovertida que está en permanente diálogo coas culturas española, europea e americana, aberta a todas as influencias e sen temor a quedar diluída. É o vehículo polo que Galicia ten unha presenza notable no mundo global”, concluíu Feijóo. 

Te puede interesar