Barbadás aforrará o 10% nos gastos en alumeado

Iluminación pública, nas rúas da Valenzá.
photo_camera Iluminación pública, nas rúas da Valenzá.
O Concello adxudica os lotes por un prezo fixo da factura por dous anos

En plena escalada do prezo da luz en España, o Concello de Barbadás vén de acadar dous contratos coas compañías eléctricas que permitirán aforrarlle ás arcas municipais un 10% na factura do alumeado público. O goberno local adxudicou o suministro de enerxía eléctrica das instalacións municipais e da rúa, cun prezo prefixado para os vindeiros dous anos. 

No primeiro lote, que inclúe os subministros con potencia contratada inferior a 10 kW, concorreron sete empresas comercializadoras, pero foi elixida  Gas Natural Comercializadora S.A, por 139.184,80 euros. No segundo dos lotes, que comprendía os subministros con potencia contratada superior a 10 kW, concorreron tamén sete licitadores, sendo adxudicado o contrato a Endesa, cunha oferta de 115.871,22 euros. A adxudicación en ambos casos realizouse á oferta máis baixa, resalta o goberno municipal, o que permite obter unha redución dos prezos da enerxía de 40.000 euros ao ano, un 10% do gasto neste capítulo.

O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, afirma que se converten “nun dos primeiros concellos que licitan este servizo esencial para a cidadanía polo custo que supón. Esta licitación resolveuse meses antes de que se producira o incremento do custo do subministro eléctrico. E supoñerá un aforro de aproximadamente 40.000 euros, o que redundará na mellora de outros servizos e na atención a outras necesidades municipais”.

A tenente alcalde e concelleira de Servizos Públicos, Victoria Morenza, destacou o importante aforro para as arcas municipais do contrato de subministro eléctrico, con un prezo pechado por dous  anos e sinalou “a aposta do Concello de Barbadás pola eficiencia enerxética”. 

Téñense instalado luminarias led no núcleo  de Santa Uxía, na rúa Lameiro do Mato, nun tramo da avenida de Celanova e nas rúas Canella, Tomás Rodríguez Punxín, Severo Ochoa, Ensino, Carrís e Picouto, e tamén houbo actuacións puntuais de instalación de luminarias led no entorno do centro comercial Carrefour, Lidl, accesos á rúa 17 de Maio e accesos dende a N-540. Tamén se instalaron luminarias led nas rúas San Bernabé e Altamira.

Ademais, está en fase de adxudicación a substitución de todas as luminarias a LED en Sobrado.

Te puede interesar