Barbadás coloca unha bandeira de Galicia polo día de Rosalía de Castro

Izado da bandeira de Galicia na pista de skate da Valenzá, en Barbadás.
photo_camera Izado da bandeira de Galicia na pista de skate da Valenzá, en Barbadás.
O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, destacou que se debe defender “o sentimento de patria”

A bandeira de Galicia xa ondea na pista de skate da Valenzá, no concello de Barbadás. Onte celebrouse un acto, aproveitando a efeméride do día de Rosalía de Castro, na que se cumpre o acordo do pleno de decembro no que se decidiu -de forma unánime- “dar visibilidade ao símbolo que representa a todos os galegos”. O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, fixo fincapé en que a bandeira “pretende representar o sentimento de patria, país e nación que é Galicia e que debemos defender dende o Concello como institución, ao igual que fixo Rosalía de Castro”.

Pola súa banda, o campus de Ourense celebrou unha lectura do manifesto desta conmemoración, videopoemas, exposicións, música e caldo de gloria. A encargada de dar lectura ao manifesto deste día de Rosalía, encargado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, foi Carme Adán (filósofa, ensaísta e profesora) e que levou por título “Cumpriuse a xustiza”. “Rosalía ensínanos a mirar e a escoitar”, subliñou.

Falta de actos na cidade

O BNG da cidade censurou que “un ano máis, o Concello de Ourense non celebre ningún acto conmemorativo polo día de Rosalía”. A concelleira Rhut Reza lamentou que esta falla de programación amosa “un profundo desprezo pola cultura propia do país, ao tempo que incumpre un acordo plenario de 2014 no que o Concello se comprometía a conmemorar este día”.

Te puede interesar