Barbadás mobiliza preto de 1,2 millóns para obras e dotacións deportivas

Imaxe do pleno celebrado onte en Barbadás.
photo_camera Imaxe do pleno celebrado onte en Barbadás.
O pleno celebrado este luns deu luz verde a dúas modificacións de crédito

O pleno do concello de Barbadás aprobou no día de onte unha modificación orzamentaria de 1.185.000 euros adicada a obras de mellora en viais e a creación de dotacións deportivas. Esta modificación saíu adiante cos votos favorables do PSdeG -grupo de goberno-, Compromiso por Barbadás e Democracia Ourensana e coa abstención dos seis edís do Partido Popular. O dous concelleiros do BNG votaron en contra.

En detalle, a actuación contempla, entre os traballos máis destacados, un investimento de 100.000 euros para a mellora do firme da avenida de Celanova; 106.000 euros para o parque da rúa da Presa; 159.000 euros para a mellora de beirarrúas na Valenzá; 132.000 euros para a pavimentación de tres vías na Valenzá; 124.000 euros para pavimentación en varios núcleos de Piñor; e 168.000 euros para a pavimentación e mellora noutros viais.

Contémplanse outras actuacións de mellora en carreteras e beirarrúas noutros puntos do concello, sumando así o total de 1.185.000 euros que supón este suplemento de crédito. Dende o grupo de goberno xustifican a necesidade desta modificación en que eran partidas que non dispuñan das contías suficientes nos presupostos.

O pleno tamén aprobou outra modificación no orzamento, neste caso de 9.600 euros para axudas ao fomento do emprego. Os beneficiarios destas axudas serán os autónomos e as pemes que iniciasen a súa actividade entre o 1 de outubre de 2020 e o 30 de setembro de 2021.

Ademais, discutíronse outros asuntos, entre os que están a moción do BNG, que solicitou a instalación de placas solares en edificios municipais para paliar a “suba constante” do prezo da luz. Como posibles ubicacións plantexaron a Casa da Cultura, o Polideportivo, o campo de fútbol dos Carrís, a sé de Protección Civil ou o propio edificio do Concello de Barbadás.

O PP presentou unha moción sobre a mellora da seguridade viaria e Compromiso por Barbadás solicitou que se actúe nas deficiencias da auga da traída e no saneamento. O voceiro de CxB, Ramón Padrón, pediu “que se acometan as obras necesarias, sen máis demoras, naqueles puntos do concello onde existen problemas graves nas conduccións de augas”.

Te puede interesar