O 'Sen batuta' convírtese agora en 'Enclave de cámara'

Manuel Freire e Ana Garrido, na presentación do certame. (Foto: MARTIÑO PINAL)
'Enclave de cámara' é o nome do certame de música de cámara que organiza o Concello de Ourense e que vén substituír ó 'Sen batuta', posto en marcha polo BNG cando estaba no goberno municipal.
As principais diferenzas, ademais do cambio de nome -obrigado porque o anterior estaba rexistrado polo que era o seu director-, o festival cambia de ubicación. Trasládase ó Teatro Principal, nunha decisión motivada porque no instituto Otero Pedrayo hai quenda de nocturno este curso e porque no Principal hai máis medios técnicos e humanos. Precisamente, ese cambio de escenario foi o que motivou que o anterior director, Cibrán Sierra, saíra do proxecto.

O outro cambio importante será o dos coloquios que habitualmente viñan mantendo os músicos co público. A intención da Concellería de Cultura, segundo explicaron a responsable, Ana Garrido, e o técnico Manuel Freire, é que se trasladen ó Conservatorio de música, para que os alumnos poidan falar cos músicos. A intención de Cultura é que o ciclo 'non perda para nada a súa filosofía', explicou Freire.

Os sete concertos deste certame, que conta cun orzamento de 40.000 euros, celebraranse os primeiros xoves de mes ata xuño -agás se son festivos, que pasarán ó seguinte e cando coincida co Pórtico do Paraíso.

Te puede interesar